Estás en:Novas

A Deputación investirá preto de 2 millóns de euros na mellora integral da travesía de Serantes, en Ferrol

O presidente da Deputación e o alcalde de Ferrol reuníronse cos veciños para explicar os detalles da actuación, que se desenvolverá en catro fases

O segundo tramo da travesía xa está en fase de expropiación e prevese que as obras se inicien o vindeiro verán

As obras da estrada de San Xoán a Catabois, xa adxudicadas, comezarán este outono co soterramento das liñas de telefonía e electricidade

Valentín González Formoso e Ángel Mato destacan "o marco estable de colaboración entre ambas institucións" na súa primeira reunión oficial

A Deputación investirá preto de 2 millóns de euros na mellora integral da travesía de Serantes, en Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Ferrol, onde foi recibido polo alcalde da cidade, Ángel Mato, e polos membros da corporación municipal.

Na primeira reunión oficial entre ambos mandatarios, González Formoso e Mato Escalona coincidiron en resaltar "o marco estable de colaboración" que une a ambas as administracións en cuestións como a mellora de infraestruturas, a promoción turística e do Camiño Inglés, a promoción do emprego, entre outros asuntos.

Neste sentido, Formoso destacou os 7 millóns de euros que a Deputación da Coruña investiu en Ferrol no pasado mandato, boa parte deles a través do Plan único e a mellora de infraestruturas viarias, pero tamén en cuestións estratéxicas coma o apoio a Exponav, no que a Deputación realiza a maior achega institucional.

González Formoso visitou tamén no Concello de Ferrol os transportistas da central térmica das Pontes, que estes días participan nun peche en dependencias municipais.

Segunda e terceira fase da travesía de Serantes

Valentín González Formoso e Ángel Mato, acompañados dos enxeñeiros do Servizo de Vías e Obras da Deputación, visitaron tamén a parroquia ferrolá de Serantes, onde se reuniron cos representantes da asociación veciñal da zona para darlles a coñecer os avances e os detalles técnicos da segunda e terceira fase das obras de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP-3612 de Aneiros a Cabana.

Formoso lembrou que a Deputación xa acometeu en 2017 a primeira fase das obras, cun investimento de 200.000 euros, que supuxo unha importante mellora da seguridade nos primeiros 300 metros da estrada, coa construción dunha rotonda, a dotación de novas beirarrúas e espazos de aparcadoiro que dan servizo tanto ao centro de saúde coma á Escola de Náutica ou á propia sede da Asociación de Veciños.

Segundo explicou o presidente, a Deputación, en colaboración co Concello de Ferrol, está activando "unha actuación máis ambiciosa ao longo dos 2,25 quilómetros da vía, que supón un investimento global de preto dos 2 millóns de euros e está planificada en catro fases", para dotar a toda a travesía dun ancho de estrada de 7 metros e beirarrúas (actualmente a calzada mide entre 5 e 6 metros nunha zona que, a pesar de contar con numerosas vivendas lindeiras, carece de beiravía para peóns) "As obras van permitir que tanto os veciños que se desprazan a pé coma os coches circulen con seguridade" ao longo de toda a travesía",afirmou.

En marcha as expropiacións para a segunda fase

As obras da segunda fase, que continuarán a ampliación da vía dende o punto quilométrico 0+300 ao 1+100 suporán un investimento de 636.110,84 euros, ademais dos 226.925,98 euros que o Concello de Ferrol destina ás expropiacións dos terreos afectados, que xa están en marcha. Unha vez completado o proceso de expropiacións, a Deputación procederá á licitación pública das obras e á súa execución. Os técnicos da Deputación esperan que as obras da segunda fase poidan comezar o vindeiro verán.

A Deputación compromete tamén a terceira fase das obras, que o pleno de Ferrol vén de aprobar inicialmente hai escasas semanas e que discorrerá entre os PK 1+180 e 1+640 , cun investimento previsto de 767.577 euros, dos que 547.135,10 serán achegados pola Deputación para executar as obras e 220.442,40 € polo Concello de Ferrol para as expropiacións necesarias.

A cuarta fase das obras abarcaría dende o PK 1+640 ata o final da estrada, no PK 2+250, conectando o parque da Cabana co túnel da Graña. Esta actuación, orzada en 325.000 euros, necesitaría a actualización do proxecto técnico, pois o existente é de hai unha década.

As obras da estrada de San Xoán a Catabois comezarán este outono

González Formoso anunciou tamén que, tras o atraso experimentado nas obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada DP 3604 de San Xoán de Filgueira a Catabois debido á necesidade de soterrar as instalacións de telefonía e electricidade, a Deputación aprobou o pasado mes de agosto un proxecto modificado por importe de 49.000 euros, que se sumarán aos 523.647 de adxudicación da obra para asumir estas tarefas.

Así, as obras poderán comezar este mesmo outono, despois de coordinar as actuacións coas empresas de telefonía e electricidade.

Os traballos suporán un cambio importante na configuración da vía, que ampliará a calzada dos 5-6 metros actuais ata os 7 metros de ancho, dotándoa ademais de beirarrúas e novas zonas de aparcadoiro nun tramo de 1,1 quilómetros que discorre do PK 0+900 ao 1+800.