Estás en:Novas

O vicepresidente Xosé Regueira destaca o apoio da Deputación da Coruña aos festivais na inauguración de FIOT

O vicepresidente Xosé Regueira destaca o apoio da Deputación da Coruña aos festivais na inauguración de FIOT

O vicepresidente Xosé Regueira participou na presentación da 28 º edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) en Carballo e destacou na súa intervención o compromiso da Deputación da Coruña no apoio aos festivais culturais. Ademais, fixo fincapé na condición de Carballo de concello de referencia da cultura contemporánea e de FIOT como cita obrigada no calendario cultural anual das artes escénicas.

Xosé Regueira participou no acto de presentación de FIOT no que tamén interviron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, o presidente da Fundación Luís Calvo, Luciano Calvo e o presidente da A. Cultural Telón e Aparte nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Fraga.

Na súa intervención, Xosé Regueira fixo unha lembranza de Roberto Vidal Bolaño no día en que se conmemoraba o 17 cabodano do seu pasamento, lembrando que "era un habitual de FIOT, como autor e como actor ou director, participou en todas as edicións mentres puido".

Ademais, lamentou o vicepresidente da Deputación que nunha edición dedicada á Igualdade, o acto estivese composto na súa totalidade por homes e destacou a necesidade de "continuar contribuíndo a que as cousas muden e que cada vez máis as mulleres ocupen en igualdade todos os espazos e cargos e que non sexan só as que traballan sen visibilización".

Máis de un millón en dúas liñas de axuda 

Lembrou Xosé Regueira que a Deputación da Coruña sitúase á cabeza do apoio institucional aos festivais, destinando neste ano 2019 máis de un millón de euros a través de dúas liñas de subvención en concorrencia competitiva, unha destinada aos organizados por concellos e outra aos de entidades. As razóns deste compromiso responden, segundo Regueira, á consideración dos festivais como eixos fundamentais de promoción e difusión cultural e creación de novos públicos para a cultura, como acontece no FIOT, ademais de seren claves para o desenvolvemento económico e laboral do sector cultural e tamén para a economía de Concellos como Carballo en que a cultura é marca de identidade e de creación de riqueza.

"Fiot e outros festivais como Interplay ou algúns organizados por asociacións xunto co Rexenera Fest forman parte dese conxunto de eventos que fan de Carballo un concello de referencia indiscutíbel da cultura máis actual", apuntou Xosé Regueira

Esta nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, impulsado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e co-organizado polo Concello de Carballo , terá lugar do 27 de setembro ao 1 de novembro de 2019, e pon o foco no teatro social e sitúa o feminismo, as periferias e os colectivos que a sociedade mantén as marxes no centro da súa acción baixo o paraugas das #MIRADASFIOT.

38 espectáculos, 9 estreas absolutas

O programa deste ano inclúe 38 espectáculos, dos cales 9 son estreas absolutas e 8 estreas no país, ademais dunha proposta ampla e diversa de actividades para todos os públicos. As propostas máis singulares e vangardistas chegarán da man dos ciclos Micro-escenas Metro Cadrado e OTNI, que ten no israelí Kulu Orr e na peza A.K.A (Also Known As) dúas propostas destacada; mentres que a programación xuvenil fioTEEN acollerá a estrea en Galiza da gañadora do Premio Max ao mellor espectáculo xuvenil Dados, de Padilla e Ventrículo Veloz

Por outra banda, Carlos Blanco e Rodrigo Cuevas serán protagonistas da irreverente programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que encherá de humor e ironía os locais de hostalería e o mercado municipal con máis dunha ducia de espectáculos e actriz Patricia de Lorenzo, de Chévere, recibirá o galardón Xograresa de Outono como recoñecemento á súa destacada contribución ao desenvolvemento do teatro galego.

Pódese consultar a información do programa completo e xestión de entradas en www.fiot.gal

Páxinas suxeridas