Estás en:Novas

A Deputación destina 204.783 euros ás obras a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Gallamonde, en Miño

O convenio aprobarase no pleno de mañá e incluirá a dotación de céspede artificial de última xeración e novo sistema de rego

A Deputación destina 204.783 euros ás obras a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Gallamonde, en Miño

A Deputación da Coruña investirá 204.783 euros nas obras de renovación do campo de fútbol municipal de Gallamonde, en Miño, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e sistema de rego.

A institución provincial financiará o 100% do investimento a través dun convenio co Concello de Miño que vén de ser aprobado na comisión de Deportes e que será referendado definitivamente polo pleno provincial mañá venres.

O campo de fútbol de Gallamonde acolle actualmente adestramentos e partidos oficiais de nove equipos locais de diferentes categorías e idades, pero presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo, con 13 anos de uso.

Como xa comprometera o presidente Valentín González Formoso na súa visita ao municipio o pasado mes de agosto, a Deputación financiará as obras de retirada do firme actual e a instalación dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración, lastrado con area de sílice e caucho, que permitirá que os adestramentos e partidos se disputen en condicións axeitadas.

O campo manterá as súas dimensións actuais (104 x 66 metros) e marcarase para a práctica do fútbol 11 en sentido lonxitudinal e con dous campos de fútbol 7 en sentido transversal.

As obras contemplan tamén a substitución da rede de rego existente, mediante unha nova instalación de canóns de auga longo alcance situados nas esquinas e na metade do campo.

Páxinas suxeridas