Estás en:Novas

A Deputación cofinancia as obras da renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Bertamiráns, en Ames

O convenio aprobarase no pleno de mañá e suporá un investimento de 357.303 euros, dos que a Deputación achegará o 80%

O campo contará con novo céspede artificial de última xeración e instalaranse novos asentos na bancada

A Deputación cofinancia as obras da renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Bertamiráns, en Ames

A Deputación da Coruña e Concello de Ames investirán 357.303 euros nas obras de renovación do campo de fútbol de Bertamiráns, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e dunha bancada máis cómoda para os espectadores.

A Deputación financiará o 80% do proxecto cunha achega de 285.906 euros, mentres o Concello de Ames achegará o 20% restante. O convenio de colaboración, que vén de ser aprobado na comisión de Deportes, será referendado definitivamente na sesión plenaria de mañá venres.

O campo de fútbol de Bertamiráns acolle actualmente adestramentos e partidos oficiais de varios equipos locais, pero presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo, con máis dunha década de uso.

Con este convenio, a Deputación e o Concello financiarán as obras de retirada do firme actual mediante un sistema sostible TurfMuncher que permita a súa reciclaxe ou reutilización e a instalación dun novo céspede de herba artificial de última xeración, que garante unha excelente función deportiva e técnica e que se instalará sobre unha superficie regular e previamente compactada.

O campo habilitarase para a práctica de fútbol 8 e fútbol 11, segundo os criterios regulamentarios da RFEF, e dotarase de novas porterías, redes e outro equipamento para a práctica do fútbol. Acometerase tamén a renovación do metacrilato dos bancos, dado o seu mal estado.

As obras inclúen tamén unha mellora na grada existente, onde se instalarán asentos plásticos, de fácil mantemento e limpeza, para facilitar unha maior comodidade dos espectadores que a asisten aos partidos.

Páxinas suxeridas