Estás en:Novas

González Formoso recibe na Deputación un grupo de alumnas e alumnos do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires

O presidente da Deputación destaca a contribución do centro escolar á promoción da cultura galega en Arxentina

González Formoso recibe na Deputación un grupo de alumnas e alumnos do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, recibiron esta mañá a unha delegación de alumnado do instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo, da cidade de Bos Aires.

Os escolares, que cursan o último ano de secundaria, realizan estes días a súa viaxe de fin de estudos e coñeceron hoxe a sede da Deputación tras a invitación realizada por González Formoso na súa visita oficial a Arxentina o ano pasado.

Durante os quince días de estancia, os mozos e mozas, entre 17 e 18 anos, terán a oportunidade de descubrir múltiples lugares da xeografía coruñesa e galega.

Formoso deu a benvida ao estudantado, ao que explicou a historia de funcionamento da Deputación, e destacou a importante contribución do centro escolar á promoción da cultura e a lingua galega na capital arxentina, xa que os centos de alumnado de diversas nacionalidades que se forman no colexio teñen entre as súas materias escolares a lingua e a historia de Galicia.

O instituto galego-arxentino Santiago Apóstolo foi inaugurado en 1998 grazas á colaboración entre o Centro Galicia de Bos Aires e a Xunta de Galicia co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural neste país.

O alumnado do centro cursa nel materias coma lingua e literatura galegas e xeografía e historia de Galicia, contribuíndo así a manter a identidade e a cultura galega entre o estudantado.