Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inclúe na programación do Teatro Colón proxectos participativos de promoción da nosa cultura

A Deputación da Coruña inclúe na programación do Teatro Colón proxectos participativos de promoción da nosa cultura

A cuarta edición do Quero Cantar, a gala do Conservatorio de Danza, a Festa da Música Galega e importantes estreas de Orquestra de Cámara Galega e o Coro Cantabile son as iniciativas presentadas polo deputado Xurxo Couto que forman parte da programación do último trimestre do Teatro Colón na que se insire tamén a ópera "A Amnesia de Clío", da compañía Voadora, para que asinou esta mañá o convenio co concelleiro de Cultura da Coruña, Jesús Javier Celemín.

Promocionar a cultura galega e abrir o teatro a iniciativas de alcance social son algúns dos obxectivos das iniciativas que a Deputación da Coruña inclúe no último trimestre do ano do Teatro Colón. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou xunto co concelleiro de Cultura da Coruña, Jesús Javier Celemín e a directora do Teatro Colón, Bettina Kohlass na presentación da programación cultural do último trimestre na que a institución desenvolve unha achega con estreas e propostas de carácter cultural e social.

A final da cuarta edición do Quero Cantar, a gala do Conservatorio de Danza, a Festa da Música Galega e importantes estreas de Orquestra de Cámara Galega e o Coro Cantabile ademais da promoción da ópera "A Amnesia de Clío" de Voadora, para o que hoxe Xurxo Couto e Jesús Javier Celemín asinaron o convenio de colaboración.

"A Deputación incorpora espectáculos e iniciativas propias que responden, como sempre defendemos, á promoción da cultura galega, o apoio a proxectos singulares e a implicación social no ámbito cultural", sinalou Xurxo Couto na súa intervención. Neste sentido, o Teatro Colón acollerá o día 24 de novembro a IV Gala final do Quero Cantar, o concurso de música infantil e xuvenil promovido pola Deputación da Coruña que chega xa a súa cuarta edición consolidado como unha cita de referencia na programación para o público máis novo que convida a cantar na nosa lingua.

A programación incluirá tamén o 2 de novembro estrea absoluta da Orquestra de Cámara Galega dunha cantata para coro e orquestra sobre textos de Manuel María e música de Rogelio Groba, no obxectivo de promover a música dos nosos compositores. O día seguinte, o día 3, terá lugar a Festa da Música Galega, organizada pola Irmandade da Música Galega que converterá o Colón por segunda vez no centro da música nunha iniciativa promovida por colectivos, cantantes, músicos e músicas e tamén persoas que investigan na súa historia.

Na programación promovida directamente pola Deputación da Coruña no Teatro Colón inclúese tamén o día 20 de novembro para acoller o Coro Cantabile e o novo proxecto que xunta doce poetas e seis compositores e compositoras cun repertorio coral inédito na nosa lingua. Ademais, como cada ano, o 18 de decembro terá lugar a gala do Conservatorio Profesional de Danza, tamén unha cita imprescindíbel arredor da programación do fin de ano na Coruña e que mostra o traballo desenvolvido por un centro de formación artística da Deputación da Coruña.

En canto á colaboración con entidades de carácter social, o 12 de outubro celebrarase a Gala XV Aniversario da Fundación Tierra de Hombres Galicia, presentada por Lino Braxe coa colaboración da Academia de Danza Druia e o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile.

Convenio para a ópera en galego

"A amnesia de Clío" O día 12 de novembro o escenario do Teatro Colón acollerá un espectáculo singular, a ópera en galego "A amnesia de Clío", unha produción da compañía Voadora con dirección escénica de Marta Pazos e dirección musical de Paul Daniel e a participación da Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra a Nosa. Con este obxectivo, o deputado Xurxo Couto e o concelleiro Jesús Javier Celemín asinaron un convenio de colaboración polo que se comprometen a achegar un orzamento de 38.000 €, a metade por cada unha das institucións.

Páxinas suxeridas