Estás en:Novas

O Observatorio da Mariña pola Igualdade gaña o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña

O xurado destaca a traxectoria e o impacto do colectivo feminista

O Observatorio da Mariña pola Igualdade gaña o Premio Begoña Caamaño da Deputación da Coruña

Un traballo continuado pola igualdade, con impacto directo en diversos ámbitos da sociedade e multitude de iniciativas e proxectos feministas nun territorio que se sitúa á marxe dos centros de decisión é o que o xurado valorou para outorgar por unanimidade a terceira edición do Premio Begoña Caamaño de Proxectos Culturais pola Igualdade ao Observatorio da Mariña pola Igualdade. O premio está dotado con 6.500 €.

O xurado destaca a "longa traxectoria do Observatorio da Mariña pola Igualdade, a súa interseccionalidade, a pluralidade e o impacto directo e amplo do seu labor en todos os ámbitos da sociedade". Apunta tamén a necesidade de valorar o "traballo que desenvolven en rede con outros colectivos que responde ao seu propio nacemento, pola unión de asociacións de mulleres de distintas disciplinas e idades, conseguindo un colectivo con voces moi plurais e un traballo moi amplo".

Ademais, o xurado destaca a necesidade de "recoñecer iniciativas como esta que nacen na periferia, á marxe do ámbito urbano de referencia que parece ser o eixo atlántico. Con este premio queremos valorar o traballo feito por mulleres que desenvolven unha actividade intensa pola igualdade sen se atopar nos centros de decisión máis visíbeis".

O xurado estivo composto pola actriz e fundadora da compañía de teatro "A Panadaría", Ailen Kendelman, pola escritora e actriz, María Lado, pola profesora e activista do feminismo, Sabela Mouriz ademais de polas representantes dos colectivos gañadores da anterior edición Irimia Muelas de Implicadas no Desenvolvemento e Clara Rodríguez por "Elas tamén pintan" de 7H Cooperativa Cultural e presidido polo deputado da área de Cultura, Xurxo Couto, coa xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria.

Desde o 8 de marzo de 2008 o Observatorio da Mariña pola Igualdade traballa de maneira continuada a favor da promoción da igualdade de xénero tamén desde o ámbito cultural, contribuíndo coas súas actividades a visualizar as mulleres en sectores de relevancia económica, social e cultural.
As actividades do Observatorio articúlanse en torno a diferentes vertentes, sendo as máis destacadas a informativa e de sensibilización social e a reivindicativa e a activa programando actividades.

Os seus obxectivos fundamentais son promover a igualdade de oportunidades, fomentar a toma de conciencia sobre a discriminación das mulleres, constituír dun foro de intercambio entre órganos públicos e movemento asociativo de mulleres ou fomentar a participación das mulleres na vida social e cultural e impulsar canles de comunicación entre as asociacións de mulleres.

A área de Cultura da Deputación da Coruña convocaba por terceiro ano consecutivo o Premio Begoña Caamaño de proxectos culturais pola igualdade que se resolveu por vez primeira no ano 2017 recaendo na libraría feminista Lila de Lilith, de Santiago de Compostela. Na segunda edición o proxecto "Elas tamén pintan" de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento foron as gañadoras do premio.