Estás en:Novas

A deputada de Educación inaugura o curso académico no IES Puga Ramón

A deputada de Educación inaugura o curso académico no IES Puga Ramón

A deputada delegada da área de Educación, Sandra González Castro, inaugurou este mediodía o novo curso académico 2019-2020 no IES Rafael Puga Ramón da Coruña.

Arredor de 450 alumnas e alumnos comezan hoxe as clases neste centro escolar, dependente da Deputación da Coruña, aos que a deputada desexou "un bo ano de aprendizaxe, experiencias e amizades que durarán toda a vida".

"Dende a Deputación da Coruña traballamos para ofertar un ensino público de calidade, inclusivo e adaptado aos tempos actuais, que vos asegure unha sólida formación para o voso futuro e contribúa a facer un país mellor", afirmou a deputada, que sostivo que "a riqueza dun país non se mide só polo PIB, a facturación das súas empresas ou a súa renda per cápita, senón pola súa capacidade para estimular e aproveitar o talento das persoas".

Sandra González destacou tamén a importancia da "formación en valores" e do uso axeitado das novas tecnoloxías da información e a comunicación e gabou "o gran traballo" que realizan os case medio centenar de profesores e profesoras do centro, cuxa motivación e implicación permiten desenvolver programas pioneiros para a formación complementaria do alumnado.

A conferencia inaugural do curso correu a cargo do doutor en Filosofía, profesor universitario, escritor e exdirector da Fundación Luis Seoane, Alberto Ruiz de Samaniego.