Estás en:Novas

A Deputación prevé rematar en outubro as obras das beirarrúas do Souto, no Concello de Toques

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, visitou as obras de mellora de estradas financiadas pola Deputación no municipio

Supervisou o novo trazado da DP 4604 que conecta Toques e Melide, tras a eliminación das curvas do Toxo

A Deputación prevé rematar en outubro as obras das beirarrúas do Souto, no Concello de Toques

O deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño Castro, realizou unha visita ao Concello de Toques para supervisar diversas obras financiadas polo seu departamento no municipio.

Acompañado do alcalde da localidade, Miguel Ángel Buján Varela, do primeiro tenente de alcalde, José Ángel Penas, e de enxeñeiros do departamento provincial de Vías e Obras, Pequeño supervisou as obras de construción de beirarrúas no lugar do Souto, actualmente en fase de execución.

Segundo explicou Pequeño, a Deputación espera rematar os traballos a finais do vindeiro mes de outubro completando así "a renovación total dunha travesía completamente segura e accesible para que os veciños poidan percorrer a pé o principal núcleo do municipio", que comunica algúns dos servizos principais como a Casa do Concello e as oficinas de Correos e Turismo, ademais dun número importante de vivendas.

Ademais de renovar as antigas beirarrúas elevadas de baldosa hidráulica, que presentaban unha deterioración moi importante debido ao paso do tempo, as obras permitirán facer a contorna completamente accesible, eliminando a totalidade das barreiras arquitectónicas, apuntou o deputado.

O deputado resaltou "a aposta da Deputación para mellorar a seguridade peonil nas estradas provinciais e en especial nas travesías de núcleos poboados coma este, onde se concentran servizos de uso cotiá". Neste sentido, sostivo que o goberno provincial executou máis de 60 novos quilómetros de sendas peonís e beirarrúas no pasado mandato e que continuará coa súa aposta por unhas estradas máis seguras durante o actual.

As melloras incluirán a repavimentación de todo o ancho da plataforma da estrada, coa aplicación dunha nova capa de rodadura con afirmado de 5 centímetros e rego de adherencia. Levarase a cabo tamén a adaptación dos sumidoiros á nova rasante, e tamén se construirá unha nova rede de pluviais no tramo final da vía, que actualmente carece desta dotación básica.

Eliminación das curvas do Toxo

O deputado de Vías e Obras e o alcalde visitaron tamén o tramo da estrada DP 4604, que conecta A Cabana (Toques) co veciño municipio de Melide, onde a Deputación investiu 300.000 euros nas obras de modificación do trazado que eliminaron as perigosas curvas do Toxo, onde se rexistraba unha elevada sinistralidade.

Pequeño destacou que coa ampliación da plataforma da estrada, que pasou de 7 a 9 metros, e o novo trazado "eliminamos un punto negro e atendemos unha vella demanda dos veciños e do Concello de Toques".

Páxinas suxeridas