Estás en:Novas

Unha fotografía da rúa Rego de Auga da Coruña gaña o concurso #Hoxeleoen da Deputación da Coruña

Unha fotografía da rúa Rego de Auga da Coruña gaña o concurso #Hoxeleoen da Deputación da Coruña

Unha imaxe na rúa Rego de Auga da Coruña do autor Luis Enrique Veiga é a gañadora do concurso #Hoxeleoen que organiza a Biblioteca Provincial e a área de Turismo da Deputación da Coruña. No concurso participaron 145 persoas con imaxes de máis de 40 concellos da provincia.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, a directora da Biblioteca, Dolores Liaño,e a xefa de Servizo de Turismo, Maite Loureiro participaron no acto de entrega do premio do concurso #Hoxeleoen que gañou o veciño da Coruña Luis Enrique Veiga.

O autor da fotografía premiada recibiu unha viaxe para dúas persoas a Londres ademais de diversos libros ao saír premiada a súa obra dun sorteo entre as 145 participantes que recollían imaxes de máis de 40 concellos.

Na entrega do premio, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou a participación nun certame que ten como obxectivo, "animar a coñecer o territorio coa lectura como compañeira como unha maneira de promocionar os libros e os destinos turísticos da Coruña". As fotos participantes no certame que chega á súa sétima edición publicáronse nas redes sociais da Biblioteca Provincial da Coruña ao longo de todo o verán.