Estás en:Novas

A Deputación ofrece apoio ao Concello de Ponteceso na crise da auga de Corme

O deputado de Promoción Económica, Blas García, visitou a zona acompañado do alcalde, Lois García Carballido, interesouse pola saúde dos afectados e ofreceu colaboración ao goberno municipal "en todo o que sexa preciso"

A Deputación ofrece apoio ao Concello de Ponteceso na crise da auga de Corme

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, visitou onte co alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, os concelleiros de Obras e Seguridade e o responsable de Protección Civil no municipio a zona afectada pola "crise de auga" que dende hai 12 días afecta á parroquia de Corme Porto.

O deputado interesouse pola saúde dos veciños afectados, transmitiu a "preocupación" do Goberno provincial polo acontecido na localidade e ofreceu "apoio e colaboración" da Deputación da Coruña "en todo o que sexa preciso" para resolver o problema e garantir que non volva suceder.

Blas García destacou tamén o "traballo incansable" realizado durante todo este tempo por Protección Civil, repartindo auga embotellada a diario entre os numerosos veciños afectados, que seguen sen poder consumir auga da traída.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois Carballido agradeceu o apoio do goberno provincial. "O presidente Valentín González Formoso estivo en contacto comigo dende o primeiro momento, interesándose pola situación dos afectados e ofrecéndonos a colaboración da Deputación para o que precisaramos. Hoxe Blas García quixo estar aquí persoalmente para transmitir esa mensaxe, estar cos veciños e ver como poden axudar. Dende Ponteceso agradecemos este xesto de apoio e este ofrecemento de colaboración institucional", apuntou o alcalde.

Páxinas suxeridas