Estás en:Novas

A Deputación destaca o seu compromiso cos servizos sociais comunitarios, “os máis cercanos á cidadanía”

A deputada de Benestar, Ana Lamas, inaugurou hoxe no Pazo de Mariñán unha xornada na que máis de 80 profesionais das áreas de Benestar Social dos concellos do Consorcio das Mariñas debaten sobre os retos de futuro da súa profesión

Lamas destaca que a Deputación incrementou de 4 a 7 millóns de euros os fondos que destina para que aos concellos de menos de 20.000 habitantes podan contar con persoal administrativo, técnico ou de servizos de axuda a domicilio na área social

Os pequenos concellos contan con 280 profesionais dos servizos sociais grazas a este apoio económico da Deputación

A Deputación destaca o seu compromiso cos servizos sociais comunitarios, “os máis cercanos á cidadanía”

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, inauguraron esta mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo) o VIII Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha unha xornada dirixida a técnicos e responsables políticos da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.

No seu discurso inaugural, a deputada destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais "os máis próximos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan ás persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles".

"Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar cun cadro de persoal de profesionais especialistas no ámbito social, por iso incrementamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios de 4 a 7 millóns de euros, permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña podan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio", afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar cada ano a uns 280 profesionais da área social nos municipios.

Uns profesionais que dan atención e servizo cada día a milleiros de cidadáns coruñeses con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

"Somos conscientes de que algunhas das liñas que actuación que desenvolvemos dende a Deputación da Coruña corresponderían a outras administracións que teñen competencia directa nestas materias, pero para nós a área social e a atención aos colectivos máis vulnerables é unha prioridade e non dubidaremos en seguir apoiando aos concellos na resposta ás numerosas urxencias sociais que reciben", afirmou a deputada.

Durante a xornada de hoxe, arredor de 80 técnicos e concelleiros de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debateran sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.

As dimensións emocional e ética na intrevención social, a planificación estratéxica dos servizos sociais e a innovación neste eido son algúns dos aspectos que se abordarán durante a xornada, que contará coa intervención de especialistas coma Ana Isabel Guillén, xefa do servizo de Traballo Social do CHUS e secretaria do comité de Bioética de Galicia; Fernando Fantova, consultor social e Sara Vierna e Virgina Pañeda, especialistas en educación emocional e igualdade.

Páxinas suxeridas