Estás en:Novas

Blas García inicia en Boiro unha rolda de visitas aos parques de bombeiros comarcais da provincia da Coruña

Acompañado do alcalde da localidade, José Ramón Romero (Martiño) e do xerente do Consorcio Contraincendios, Luis Barca, o deputado coñeceu as instalacións, equipamento e funcionamento do parque boirense que, xunto co subparque de Ribeira, presta servizo a máis de 100.000 habitantes de nove concellos da comarca de Barbanza

García defende o novo modelo de xestión directa do servizo de emerxencias que se implantará a partir de 2020: "Un servizo tan importante e sensible debe ser 100% público"

O deputado visitará os dez parques de bombeiros da provincia "para coñecer de primeira man o funcionamento e necesidades" do servizo de emerxencias

Blas García inicia en Boiro unha rolda de visitas aos parques de bombeiros comarcais da provincia da Coruña

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, visitou esta mañá o parque comarcal de bombeiros de Boiro, un dos dez que xestiona na provincia da Coruña o Consorcio Provincial Contraincendios, integrado ao 50% pola Deputación e a Xunta de Galicia, e presidido polo titular da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso.

Acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero (Martiño), do tenente alcalde, José Luis Ruíz, e do xerente do Consorcio, Luis Barca, o deputado conversou cos bombeiros e coñeceu as instalacións, equipamentos e funcionamento do parque, que dende hai 15 anos presta servizo (xunto co subparque de Ribeira) a máis de 102.500 habitantes nos concellos de Boiro, A Pobra, Rianxo, Ribeira, Porto do Son, Noia, Lousame, Outes e Dodro, unha área de intervención cunha extensión de máis de 600 quilómetros.

Blas García afirmou que esta primeira visita enmárcase nunha rolda que realizará polos dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña "para coñecer de primeira man o funcionamento e necesidades" do servizo de emerxencias.

O deputado agradeceu o "bo traballo" e a "profesionalidade" dos 18 bombeiros (1 sarxento, cinco cabos e doce bombeiros) que traballan no parque boirense, xunto cos 12 de Ribeira, para atender as emerxencias, accidentes e incendios que se produzan nos nove concellos que forman parte da súa área de intervención e sostivo que o Consorcio segue avanzando nos trámites necesarios para implantar a xestión directa do servizo a partir do 1 de xaneiro de 2020.

"Entendemos que un servizo tan importante e sensible coma o das emerxencias debe ser 100% público e xestionado directamente pola administración, por iso apostamos por este cambio de modelo, que suporá ademais un aforro anual de 1 millón de euros para o erario público", afirmou o deputado, que apuntou que nas vindeiras semanas haberá reunións cos representantes dos traballadores para abordar a equiparación salarial dos mesmos.

Reunión no Concello

Antes da visita ao parque de bombeiros, Blas García reuniuse no Concello de Boiro co alcalde da localidade, José Ramón Romero, que solicitou a colaboración da área de Promoción Económica da institución provincial para potenciar a actividade da Asociación Boirense de Empresarios e da Confraría de Pescadores, que precisa melloras no edificio da lonxa de Cabo de Cruz.