Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 326.419 euros as obras de renovación do firme de novos tramos DP 7103, entre Porto do Son e Ribeira e a DP 3301 de Rianxo a Bexo por Isorna

A Deputación adxudica por 326.419 euros as obras de renovación do firme de novos tramos DP 7103, entre Porto do Son e Ribeira e a DP 3301 de Rianxo a Bexo por Isorna

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura dos contratos para a execución das obras de renovación e mellora do firme de novos tramos das estradas provinciais DP-7103 de Laranga o Olveira por Seráns, entre Porto do Son e Ribeira, e DP 3301 de Rianxo a Bexo por Isorna, entre os concellos de Rianxo e Dodro. Ambas adxudicacións suman un investimento de 326.419 euros para continuar as obras de mellora do firme destes viais provinciais.

As obras desta nova fase de mellora do firme da DP 7103 foron adxudicadas por 187.810 euros á empresa Leonardo Miguélez, terán unha duración estimada de catro meses e afectarán ao tramo comprendido entre o punto quilométrico 4+600, á altura do lugar de Seráns, e o PK 7+280, dando continuidade ás xa acometidas pola área provincial de Vías e Obras nos primeiros 4,6 quilómetros do vial.

Consistirán principalmente no estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor, así coma o fresado mediante medios mecánicos e a demolición do pavimento nos puntos onde se atopa máis deteriorado nas interseccións con outros viais.

Nos tramos máis antigos da estrada, tamén se procederá ao estendido e compactado dunha capa de grava de 15 centímetros, co obxectivo de mellorar as condicións do firme. Posteriormente, aplicarase un triplo tratamento asfáltico.

Ademais destes traballos, tamén se levarán a cabo tarefas complementarias para garantir a seguridade e conservación da vía, coma a apertura e limpeza das gabias, a roza das malezas, o acondicionamento das beiravías ou a reposición das marcas viarias.

A mellora da estrada Rianxo a Bexo por Isorna continuará ata o Pk 12+800

A Deputación da Coruña acolleu hoxe tamén a sinatura do contrato para continuar coas obras de pavimentación e mellora da estrada provincial DP 3301 de Rianxo a Bexo por Isorna, no tramo que vai do punto quilométrico 10+200 ao 12+810, nas que investirá 138.609 euros. Estas obras continuarán a mellora xa levada a cabo no firme do vial nos cinco quilómetros que van do PK 5 ao 10+200.

Ao igual que no caso anterior, os traballos incluirán a limpeza e roza das cunetas e beiravías, a reparación e fresado de varios puntos especialmente danados da plataforma do vial e dotación dunha nova capa de rodaxe en todo o ancho da calzada mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Tamén se contempla o pintado das marcas viais do eixe e os bordes da estrada, así coma o repintado dos pasos de peóns, símbolos e cebreados. O prazo de execución dos traballos é de catro meses.

Páxinas suxeridas