Estás en:Novas

A Deputación da Coruña lamenta o falecemento do poeta Manuel Álvarez Torneiro

Foi o único autor que gañou en dúas edicións o Premio de Poesía Miguel González Garcés convocado pola institución

A Deputación da Coruña lamenta o falecemento do poeta Manuel Álvarez Torneiro

A Deputación da Coruña lamenta profundamente o falecemento do poeta Manuel Álvarez Torneiro, gañador en dúas edicións do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña coas súas obras "Luz de facer memoria" e "Campo segado".

Desde a Deputación da Coruña destacan que a de Álvarez Torneiro foi "unha voz singular e indiscutible na nosa literatura que deixa un legado literario riquísimo que perdurará ao longo do tempo".

Na ampla e recoñecida traxectoria do poeta Manuel Álvarez Torneiro figura ter sido o único autor que gañou en dúas ocasións o Premio de Poesía Miguel González Garcés da Deputación da Coruña, un certame que levaba o nome dun escritor moi vencellado ao escritor agora finado. En 1998 fixérase por vez primeira co galardón con "Luz de facer memoria" e en 2000 recuncara na convocatoria literaria con "Campo segado", os dous libros publicados na colección de poesía da Deputación da Coruña. Ademais, Álvarez Torneiro conseguira un accésit na segunda edición do premio, en 1992.

Neste sentido, lembramos tamén que Manuel Álvarez Torneiro participou -ademais de en calidade de poeta, de amigo e discípulo- na homenaxe que a Deputación da Coruña tributou en 1916 a González Garcés con motivo do centenario do seu nacemento no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Páxinas suxeridas