Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 316.218 euros as obras de mellora da seguridade vial na estrada DP 6121, principal vía de acceso a Cariño

Hoxe asinouse o contrato para a execución das obras, que suporán a eliminación dun importante punto negro de tráfico onde se teñen producido un número significativo de accidentes

Contemplan a demolición dunha edificación que reduce a visibilidade, a construción dunha variante e dunha nova ponte paralela á actual, de forma que se separen os dous sentidos de circulación

Trátase da estrada principal de acceso a Cariño e dun dos viais que rexistra maior tráfico pesado na rede provincial de estradas

A Deputación adxudica por 316.218 euros as obras de mellora da seguridade vial na estrada DP 6121, principal vía de acceso a Cariño

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 316.218,98 euros as obras de mellora da seguridade vial na estrada provincial DP 6121 Mera a Cariño, no núcleo de A Ortigueira (punto quilométrico 7+800), pertencente ao termo municipal de Cariño.

A sede da institución provincial acolleu hoxe a sinatura do contrato, adxudicado á empresa Vipeca Obras e Servizos. A este orzamento hai que sumarlle os 92.959,13 destinados ás expropiacións necesarias para a execución dos traballos.

O obxectivo das obras é mellorar a seguridade neste punto negro da estrada, que rexistra un importante volume de tráfico pesado, nunha zona de curva pronunciada onde o vial presenta actualmente un importante estreitamento ao pasar sobre a ponte do río Lourido (tan só 5,5 metros de ancho, o que fai imposible o cruce de camións en condicións de seguridade), o que unido á falta de visibilidade debido á existencia de vivendas moi próximas á vía ten provocado un número significativo de accidentes de tráfico.

Desdobrar a circulación

Para a eliminación deste problema, as obras incluirán a demolición da edificación máis próxima ao interior da curva e a execución dunha variante e dunha nova ponte, que discorrera paralela á actual, río abaixo. Deste xeito, conseguirase separar os dous sentidos da circulación, dotándoa de carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido que garantan a circulación en condicións de seguridade.

A actual ponte de pedra está protexida patrimonialmente, polo que non é posible ampliala nin modificar a súa xeometría actual, motivo polo que se optou pola construción dunha nova ponte sobre o río Lourido que se executará en taboleiro prefabricado de 7,75 metros de ancho dun só vano, con cinco vigas tipo dobre T.

A construción da variante e da nova ponte permitirá deixar a estrada actual para a circulación nun só sentido, mellorando ademais o trazado con radios en planta de entre 35 e 300 metros.

Habilitarase un carril de 3,5 metros con beiravías interior e exterior de medio metro e bermas de 0,80 metros para a instalación de barreiras de protección en cada sentido, creando unha pasarela peonil para garantir tanto a seguridade da circulación na estrada como a dos peóns do núcleo.

Páxinas suxeridas