Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 470.381 euros as obras de construción da nova ponte sobre o río Pedrouzo, en Tordoia

Ademais de mellorar evitar as inundacións que se producen na zona, as obras suporán tamén unha maior seguridade, mellorando o trazado da estrada e dotándoa de beiravías

A Deputación adxudica por 470.381 euros as obras de construción da nova ponte sobre o río Pedrouzo, en Tordoia

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura do contrato para a execución das obras de construción dunha nova ponte sobre o río Pedrouzo, no PK 3+000 da estrada provincial DP 8401 de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra, no termo municipal de Tordoia. A obra foi adxudicada por 470.381 euros á empresa Alvac S.A, que se suman aos 50.000 euros xa destinados ás expropiacións necesarias para levar a cabo os traballos.

Tras as sucesivas inundacións que se producen na zona nas épocas de choivas abundantes, a Deputación da Coruña encargou un estudo hidrolóxico da conca do río Pedrouzo que determinou a necesidade de demoler a estrutura actual e executar unha nova estrutura con maior sección para un correcto desaugadoiro.

A nova ponte contará cun marco de formigón armado de dimensións 6x 3,50 metros, que será enterrada 0,50 metros no terreo, seguindo as indicacións técnicas de Augas de Galicia. O marco rematará en aletas que soportarán as terras do terraplén para minimizar as perdas hidráulicas.

As obras suporán tamén unha mellora do trazado da estrada na zona do cruce do río, xa que se eliminarán a curva e contracurva existentes, substituíndoas por unha soa aliñación en curva de maior radio que as actuais, segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, que subliñou que os traballos "non só contribuirán a que non se produzan máis inundacións, senón que mellorarán notablemente a seguridade do tráfico".

Así, ademais dunha maior capacidade de desaugadoiro, a ponte contará cunha plataforma de 10,5 metros, integrada por dous carrís de circulación de 3,50 metros de ancho, beiravías laterais de 1 metro e bermas de 0,75 metros con defensas e medidas para mellorar a integración paisaxística da estrutura. O novo firme estará composto por unha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente e rego para mellorar a adherencia dos vehículos.

O proxecto inclúe ademais a execución dunha obra de drenaxe para o desvío temporal da canle do río Pedrouzo durante a execución dos traballos, o que permitirá realizar as obras cunha afección mínima sobre o tráfico, sen necesidade de desvíos provisionais.

Páxinas suxeridas