Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 737.929 euros as obras de ampliación e mellora da estrada de acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira

A Deputación ampliará a plataforma da DP 6104 ata os 6 metros, creará beiravías, aparcamentos e unha rotonda que facilitarán o tráfico de autobuses e turismos

A ampliación contribuirá a mellorar a seguridade nunha estrada moi estreita pola que circularon máis de 20.000 vehículos nos meses de verán

A Deputación adxudica por 737.929 euros as obras de ampliación e mellora da estrada de acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura do contrato para a execución das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 6104 de Loiba a Picón, en Ortigueira.

As obras foron adxudicadas por 737.929 euros á empresa Asfalgal SL, un investimento ao que hai que sumar os 203.312 € xa destinados pola Deputación ás expropiacións de terreos necesarias para poder levalas a cabo. O prazo de execución será de nove meses.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a ampliación desta estrada provincial é un dos proxectos con maior orzamento dos que manexará o servizo provincial de Vías e Obras durante este ano e servirá para mellorar a seguridade e facilitar a circulación nun vial actualmente moi estreito, pero que conta cun importante volume de tráfico, especialmente na época estival, pois da acceso aos espectaculares cantís da zona e ao banco de Loiba, coñecido como "o banco máis bonito do mundo", que atraen a milleiros de visitantes.

Segundo as medicións realizadas pola Deputación durante os meses de xullo e agosto de 2018 máis de 20.000 vehículos circularon por esta estrada provincial, o que xustifica este importante investimento para garantir a seguridade nos accesos.

Ademais, a mellora do vial servirá para dotar dunha mellor conexión aos distintos núcleos rurais que atravesa. A estrada parte da AC-862 e diríxese ao norte, comunicando os núcleos de Loiba, A Peneda, Maciñeira, Burreiros, Fontela e O Picón. A pesar da súa estreiteza (entre catro a cinco metros nos primeiros 800 metros e menos de 4 metros de ancho a partir deste punto), trátase dun vial moi transitado, posto que conduce a algúns dos principais atractivos turísticos da zona, coma os cantís ou o banco de Loiba.

As obras executaranse no tramo comprendido entre o inicio do vial e o punto quilométrico 2+400 e incluirán a ampliación da plataforma desde os 4 metros actuais ata un total de 6 metros. Ademais dotarase de novas beiravías de 0,5 metros.

O trazado parte da estrada AC 862, onde se ampliará a intersección existente e deseñarase unha semiglorieta de 8 metros de radio interior para canalizar os movementos de xiro dos vehículos. A partir dese punto, a estrada discorre en pendente descendente nun tramo de 240 metros, seguido dunha pendente ascendente hasta o alto do paso superior sobre as vías do FEVE (pk 0+800).

O trazado continúa alternando lixeiras subidas e baixadas ata alcanzar o alto do ramal dos cantís de Loiba, á altura do pk 2+400. Neste punto prevese a execución dunha glorieta de de 16 metros de radio e carrís de catro metros para permitir os movementos de xiro dos autobuses, que ocasionan problemas na época estival cando se da unha maior afluencia de visitantes. A nova rotonda dará servizo ao ramal dos cantís e ao núcleo de Fontela.

Áreas de aparcamento e senda peonil

Nas inmediacións da glorieta disporanse sendas áreas de estacionamento para vehículos. Unha delas destinada exclusivamente a autobuses e outra para turismos e motocicletas.

A capacidade estimada é de catro autobuses, 10 motocicletas e 35 turismos. Resérvase tamén unha zona para estacionamento para de vehículos de persoas con discapacidade.

Nos 250 metros que separan o aparcamento da zona de O Picón construírase unha senda peonil de 2 metros de ancho que contribuirá a mellorar a seguridade peonil.

Páxinas suxeridas