Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Vimianzo acordan acometer melloras no Castelo de Vimianzo e dotalo dun novo sistema de son e alumeado interior e exterior

O presidente da Deputación mantivo unha reunión coa alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez
A Deputación apoiará o proxecto do goberno municipal que pretende restaurar os desperfectos o monumento e realzar a súa imaxe de cara ao 25 aniversario do Asalto ao Castelo, que se conmemora en 2020
Vías e Obras iniciou os trámites para licitar un proxecto de mellora integral da estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas, que incluirá a modificación do trazado nas curvas de Padreiro e a construción dunha senda peonil de Caxadas a Castrelo

A Deputación e o Concello de Vimianzo acordan acometer melloras no Castelo de Vimianzo e dotalo dun novo sistema de son e alumeado interior e exterior

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, na que abordaron distintas cuestións de cooperación entre ambas administracións.

Un encontro "cordial" e "produtivo", segundo afirmaron ambos mandatarios ao remate da reunión, no que se trataron asuntos "de gran importancia para Vimianzo, coma as melloras que queremos levar a cabo no Castelo, un dos símbolos dos municipio, e na estrada provincial une Caxadas e Baíñas", detallou a alcaldesa.

Mónica Rodríguez trasladou ao presidente que o goberno municipal de Vimianzo traballa nun proxecto para acometer diversas obras urxentes de reforma no Castelo de Vimianzo e dotalo dun novo sistema de son e alumeado exterior e interior de cara ás celebracións, o vindeiro ano, do 25 aniversario do Asalto ao Castelo.

"O noso obxectivo é eliminar as humidades existentes, realizar pequenas reformas e renovar a deficiente instalación eléctrica, así como instalar un novo sistema de alumeado exterior e interior do Castelo acorde co monumento, para recuperar o esplendor e realzar a imaxe deste símbolo de Vimianzo de cara ás celebracións do vindeiro ano", afirmou a alcaldesa, que destacou que máis de 30.000 persoas visitan cada ano o castelo.

O presidente da Deputación interesouse polos detalles do proxecto e comprometeuse a que a institución provincial apoiará con 100.000 euros esta iniciativa, dado o gran valor do castelo, patrimonio da Deputación da Coruña, e a necesidade urxente de levar a cabo actuacións que garantan a súa adecuada conservación.

A Deputación estudará tamén a posibilidade de incrementar a achega que realiza para a celebración desta festa (este ano ascendeu a 27.435 €) con motivo deste singular aniversario.

Eliminación de curvas en Padreiro e senda en Castrelo

Outro dos asuntos abordados na reunión foi a necesidade de melloras na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas.

González Formoso anunciou á alcaldesa que o departamento de Vías e Obras que dirixe o deputado José Manuel Pequeño xa comezou os trámites para licitar un proxecto de mellora integral do vial que garanta a seguridade tanto do tráfico coma dos peóns na zona. Ao tratarse dun proxecto ambicioso, que implicará un investimento importante, é probable que se teña que desenvolver por fases.

Neste sentido, a alcaldesa detallou dúas "cuestión urxentes" sobre as que actuar: a modificación do trazado na zona de curvas de Padreiro, un "punto negro" da estrada onde se rexistra unha elevada sinistralidade e a construción dunha senda peonil entre Caxadas e Castrelo, unha zona con moitas vivendas lindeiras onde os escolares carecen de beirarrúas ou sendas para circular con seguridade cando se dirixen ao bus escolar.
O presidente trasladou aos técnicos do servizo de Vías de Obras ambas cuestións para que sexan atendidas con prioridade dentro do proxecto, dada a importancia que teñen para a seguridade viaria.

A alcaldesa trasladou tamén ao titular do goberno provincial a necesidade de dotar de sobreancho e mellorar o firme da estrada que conecta Ponte do Porto (Camariñas) con Cereixo (Vimianzo).

Páxinas suxeridas