Estás en:Novas

Cinco bandas optan ao XI concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña

As finalistas son Mileth, Costa escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda

Cinco bandas optan ao XI concurso Fran Pérez

Mileth, Costa escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda son as cinco bandas que o xurado escolleu como finalistas para a XI edición do concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña.

Nun concerto que se celebrará no mes de novembro decidirase quen será a banda gañadora das cinco que compiten na XI edición do premio Narf da Deputación da Coruña.

O xurado reunido hoxe na Coruña, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, no que tamén participou a música Su Garrido Pombo, gañadora da edición anterior, escolleu as cinco bandas finalistas entre os 24 presentadas.

Os premios desta edición do certame serán de 3.000 euros para a primeira clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta clasificada.

As bandas seleccionadas, como nas edicións anteriores, participarán nun concerto final no que o xurado decidirá a gañadora e as clasificadas nas seguintes posicións das cinco finalistas.

Bandas finalistas:

Mileth: grupo nacido na Mariña luguesa que practica o que definen como Metal Pagán Galaico, unha mestura entre metal extremo, folk e música tradicional galega.
No 2019 presentan esta particular fusión no seu primeiro disco "Catro pregarias no albor da Lúa Morta". Está composto por Dana Lago, Elías Lamoso, Jacobo Mouriño, Marcos Rodríguez, Cristian Bolaño e Jorge Fernández.

Costa escura: Nace na primavera do 2018 como proxecto aberto á experimentación espontánea cunha proposta persoal e grupal, plural e audible.
Composto por Carlos Izquierdo, Jesús Ruperto Andrés Tejada e Pablo Muñiz.

Rebezo: Novo proxecto artístico fundado en 2018 na comarca de Compostela.
Composto por Mar Pérez, Manuel Lucas, Tomé Mouriño, Aldara Palmeiro e Rubén Mouriño.

Adhara & Ritman: Proxecto musical tamén de nova creación que ten como referencia as raíces folk galegas mestizándoas con outros estilos puros de raíz como o blues, reggae, swing, etc... O seu primeiro CD titúlase "Libre son". Adhara Caamaño, a voz, é coñecida como "A Cuncheira de Sofán".
Composto por Adhara Caamaño, Luís Alberto Barbeiro, Arturo Kress e Andrés José Castro.

Rabuda: Nace en xaneiro de 2017 en Vigo como banda de rock intimista con elementos de psicodelia e new wave.
Composto por: Isa Mariño, Víctor Rivas e Sandra Romero.

Páxinas suxeridas