Estás en:Novas

Corenta alumnos franceses participan nun programa de intercambio do IES Puga Ramón da Coruña

Este ano celébrase o 20 aniversario deste programa de intercambio cultural entre os centro educativo Lycée Saint François-Xavier de Vannes e o IES Puga Ramón, dependente da Deputación

Corenta alumnos franceses participan nun programa de intercambio do IES Puga Ramón da Coruña

A deputada delegada de Educación e Xuventude, Sandra González Castro, e o director do IES Puga Ramón, Pablo González Santiso, recibiron esta mañá no centro escolar coruñés a un grupo de 40 alumnos franceses que hoxe comezan un programa de intercambio cultural na cidade.

Os estudantes proceden do Lycée Saint François-Xavier de Vannes, unha localidade de pouco máis de 50.000 habitantes da Bretaña francesa, que dende hai xa 20 anos mantén este programa de intercambio do alumnado co instituto coruñés dependente da Deputación.

Sandra González deu a benvida aos alumnos franceses e invitounos a descubrir a durante a súa estancia o moito que ten que ofrecer a provincia da Coruña, así como a aproveitar as clases para mellorar as súas competencias lingüísticas en español, un idioma que estudan no seu centro escolar de orixe.

Durante as vindeiras semanas, os alumnos visitarán diversos museos e monumentos da cidade herculina, como a Domus e a Casa das Ciencias, así como as cidades de Santiago de Compostela e Porto (Porugal).

A segunda parte do programa de intercambio permitirá a outros 40 alumnos e alumnas do Puga Ramón estudar durante dúas semanas en Francia, onde visitarán as diversas localidades do país veciño e a capital, París.