Estás en:Novas

As mulleres rurais reivindican en Vimianzo “igualdade real e efectiva” e medidas de loita contra a violencia machista

A Deputación da Coruña e Fademur congregan a 500 mulleres nun acto que este ano tivo como lema "Por un rural libre de violencia de xénero"

O deputado José Manuel Lage destaca que "o traballo das mulleres, tantas veces invisible nas estatísticas oficiais, foi historicamente e segue a ser o combustible que fai que funcione o noso medio rural"

"Non nos resignamos a recontar as vítimas da violencia machista", afirma a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, que insta ás mulleres a "actuar xuntas" para erradicar esta lacra social

O grupo musical A Banda da Loba, a asociación Arte na Palla, a presidenta da Asociación de Mulleres Progresistas de Dumbría, María Rodríguez Mouzo, e a profesora de Socioloxía da UDC, Rosa Cobo Bendía, foron galardoadas este ano polo seu compromiso feminista co rural

As mulleres rurais reivindican en Vimianzo “igualdade real e efectiva” e medidas de loita contra a violencia machista

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller da Rural, a Deputación da Coruña e Fademur organizaron hoxe na Casa da Cultura de Vimianzo un acto conmemorativo que reuniu a máis de 500 mulleres que residen e traballan en diferentes municipios rurais da provincia co obxectivo de "facer visible e recoñecer publicamente o papel decisivo das mulleres no desenvolvemento social e económico do rural galego".

Así o afirmou deputado provincial José Manuel Lage Tuñas, durante o discurso inaugural desta xornada, que contou tamén coa asistencia da presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, e da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que agradeceu a elección da localidade para a celebración desta xornada.

Lage Tuñas destacou que "o traballo das mulleres, tantas veces invisible nas estatísticas oficiais, foi historicamente e segue a ser o combustible que fai que funcione o noso medio rural."

O deputado apuntou que malia este papel decisivo na economía do rural as mulleres seguen a vivir situacións de desigualdade e precariedade laboral, con salarios ata un 30% máis baixos ca os dos homes e só 6 de cada 10 cotizando nalgún sistema de protección social, polo que reclamou "multiplicar os esforzos de todas as administracións públicas para promover a igualdade real en todos os ámbitos e profesionalizar a actividade agraria das mulleres".

Necesidade dun Pacto de Estado polo medio rural

O deputado afirmou que a Deputación da Coruña apoia unha das reivindicacións de Fademur, a necesidade dun Pacto de Estado polo medio rural porque "as educación, a sanidade, o emprego ou as comunicacións deben garantirse nas mesmas condicións que nos concellos máis poboados".

"A supervivencia do rural depende de que teñamos en conta as necesidades deste entorno á hora de planificar políticas que garantan a igualdade de toda a cidadanía no acceso a servizos e oportunidades", afirmou Lage, que destacou que o goberno provincial, dentro das súas competencias, xa leva tempo traballando nesta liña.

"Nunca antes a Deputación apostara tanto polo rural da provincia da Coruña", sostivo o deputado, que repasou as numerosas iniciativas de apoio ao mundo rural que desenvolve a institución provincial.

Un rural libre de violencia machista

O acto de hoxe celebrouse baixo o lema "Actuemos! Por un rural libre de violencia machista". Tanto José Manuel Lage coma Rosa Arcos e Mónica Rodríguez fixeron referencia nas súas intervencións á necesidade de rematar con esta lacra e de dotar de recursos suficientes ao rural para previr crimes tan terribles coma o recentemente acontecido en Valga e dar soporte e protección ás vítimas.

"Hai unha parte da sociedade que asiste con resignación ao reconto de vítimas da violencia machista. Nós non. Non nos resignamos", afirmou a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, que instou ás mulleres a "actuar xuntas, cada unha dende a súa vila, dende a súa casa, dende o seu lugar" para erradicar a violencia contra as mulleres.

Rosa Arcos sostivo que "Fademur é un proxecto imparable, valioso e útil, integrado por mulleres comprometidas e coñecedoras do que é o mundo rural" e afirmou que a participación das mulleres é fundamental para resolver retos coma o envellecemento, a falta de relevo demográfico, ou a escaseza de servizos e oportunidades laborais nos pequenos concellos. "Non quedaremos no medio rural se non podemos montar un proxecto vital", afirmou.

Recoñecementos ás iniciativas das mulleres no rural

O acto de hoxe incluíu unha entrega de galardóns que pretenden recoñecer o labor das mulleres rurais en distintos ámbitos.

O grupo musical A Banda da Loba, a asociación Arte na Palla, a presidenta da Asociación de Mulleres Progresistas de Dumbría, María Rodríguez Mouzo, e a profesora de Socioloxía da UDC, Rosa Cobo Bendía, foron galardoadas este ano polo seu compromiso feminista co rural.

A Banda da Loba. Xiana, Andrea, Marcela, Inés e Estela compoñen esta agrupación ou banda de música. Son todas mulleres moi novas, pero con moita experiencia acumulada e moito talento. Todas elas teñen un amplo currículo de estudos musicais e de experiencia previa á formación da Banda da Loba, pero foi cando se xuntaron e publicaron o seu primeiro disco xuntas baixo o título "Bailando as rúas", cando acadaron popularidade.

Neste ano 2018 fixeron unha ampla xira de concertos, nos que visitaron moitos pequenos concellos rurais de Galicia, achegando a súa música a cada recuncho da nosa terra, e tamén foi o ano no que conseguiron varias nominacións e premios, entre eles o premio a mellor canción do Arri(t)mar 2018 e ser finalistas nos premios Martín Codax 2018.

O seu primeiro disco, totalmente autoproducido, é unha mestura de sons tradicionais, con toques de pop, blues, rock e folk. Con cancións de composición propia, de autoras actuais como Rosalía Fernández Rial e Celia Parra, pero onde tamén teñen unha gran presenza grandes escritores e escritoras de Galicia como Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, ou Rosalía de Castro.

Arte na Palla. Dúas amigas e compañeiras Mari Carmen e Felisa, están detrás de esta asociación, que se puxo a andar hai apenas un ano. "Arte na Palla" nace coa vocación de recuperar un elemento tan tradicional como o sombreiro de palla que usaban as mulleres da súa zona Baíñas, elas chámanlle "sombreiro de rabo", aínda que no mundo da artesanía é coñecido co nome de San Cosmeiro.
Arte na Palla quere recuperar esas albores que moitas mulleres da zona aprenderon cando nenas, e que dalgún xeito se estaban esquecendo. Poñer en valor o traballo das mulleres, o traballo artesán, feito coas mans, o traballo tradicional ligado os costumes e traballos da terra, do noso rural. Pero ademais son quen de darlle novos usos, confeccionando elementos decorativos como cestas, bandexas, etc... así como complementos de moda.

María Rodríguez Mouzo. Naceu en Berdeogas (Dumbría) no ano 46, dende moza axudoulle aos seus pais na súa pequena explotación de leite que era a fonte de ingresos principal da familia durante os anos da pos-guerra. Anos máis tarde, concretamente no ano 86, ao xubilarse seu pai pasou ela a ser a titular da explotación, uns anos despois reconverteuna á produción de vacún de carne, estivo ao fronte da mesma ata que nunha de tantas crises de prezos, deixouno anta a falta de viabilidade da mesma alá polo ano 2005.

Traballou no servizo de Correos da súa zona e para o concello de Dumbría, primeiro no servizo de limpeza de camiños e logo, na limpeza das instalacións socioculturais do propio concello.

María é afiliada do Sindicato Unións Agrarias dende o ano 87, co que colabora activamente, manifesta o seu compromiso co sector estando presente en canto acto, congreso, charla, reunión ou manifestación se ten feito ao longo de máis de 30 anos. É tamén a Presidenta da Asociación de Mulleres Progresistas de Dumbría.

Rosa Cobo Bendía. Naceu en Cantabria, pero leva a maior parte da súa carreira como docente, vinculada coa Universidade da Coruña.

Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía, Profesora Titular de Socioloxía de Xénero da Universidade de A Coruña, tamén é fundadora e primeira directora do Seminario Interdisciplinar de Estudios Feministas da UdC (2000-2003). Directora do Master de Xénero e Políticas de Igualdade (2005-2008). A súa principal liña de investigación sempre está ligada á teoría feminista e á socioloxía do xénero. Membro do Equipo Asesor da Unidade de Mulleres e Ciencia do Ministerio de Educación e Ciencia entre 2006-2008, ano no que tamén colaborou co Ministerio de Igualdade como asesora.

A súa preocupación polo entorno rural, podemos aprecialo en varios estudos como: "Políticas públicas, estrategias educativas y desarrollo rural en Galicia", "As mulleres de Narón". Outras moitas publicacións están no haber de esta muller comprometida: "Fundamentos del patriarcado moderno. JeanJacquesRousseau", "Educar en la ciudadanía. Perspectivas Feministas, feminismo y educación".

Rosa é todo un referente no pensamento feminista en Galicia, en España e tamén en América Latina onde mantén lazos de colaboración con diversas universidades.

Páxinas suxeridas