Estás en:Novas

A Deputación financia as obras de rehabilitación do antigo mercado da praza Isabel II de Ortigueira

O Concello de Ortigueira vén de sacar a licitación as obras, financiadas a través do Plan Único cun investimento de case 33.000 euros

A Deputación financia as obras de rehabilitación do antigo mercado da praza Isabel II de Ortigueira

O Concello de Ortigueira vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de rehabilitación do edificio do mercado da praza Isabel II, que serán financiadas con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación da Coruña. A intervención suporá un investimento de 32.985 euros.

O edificio do mercado data de 1917, cando se construíu o actual inmoble para substituir a outro anterior de 1861. Conta con dúas filas de cinco columnas, teito de madeira con cerchas e pontóns e cuberta de tella plana. Actualmente, debido ás filtracións de auga e ao paso do tempo, presenta un importante estado de deterioro.

As obras terán como principal obxectivo impedir as filtracións de auga mediante a renovación completa da cuberta e a substitución dos elementos estruturais deteriorados.

Conservarase completamente o deseño orixinal, cunha intervención integral de restauración que incluirá a desmontaxe completa da cuberta, a reparación dos piares con tratamento anticorrosivo, así coma dos pontóns, cerchas e vigas lonxitudinais de madeira, o decapado e eliminación das capas vellas de pintura e a aplicación dun tratamento especial antixilófagos en toda a estrutura de madeira.

Colocarase un novo entaboado con dobre impermeabilización e unha nova cuberta de tella plana, similar á existente, que impida as filtracións de auga.

Páxinas suxeridas