Estás en:Novas

O alcalde da Baña plantea na Deputación un proxecto de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP 0702 entre Ceilán e Lañas

Valentín González Formoso reuniuse co alcalde, José Antonio Pereira Gil

O alcalde da Baña plantea na Deputación un proxecto de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP 0702 entre Ceilán e Lañas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse na sede da institución provincial co alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil.

Pereira trasladou ao presidente a petición do goberno municipal de acometer un proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP 0702 de Ceilán a Lañas. "Trátase da única estrada da Deputación na Baña. Un vial que atravesa unha parte importante do municipio e que precisaría ser ampliada para garantir unha circulación máis segura, así como dotala dunha senda peonil ou beirarrúas, xa que os veciños carecen a día de hoxe dun paso para poder camiñar con seguridade pola marxe da calzada".

O alcalde e o presidente supervisaron os planos do percorrido da estrada, que atravesa distintos núcleos rurais do municipio. Valentín González Formoso comprometeuse a estudar a petición do alcalde e encargará a súa valoración técnica ao servizo provincial de Vías e Obras.

Utilidade do Plan Único para melloras nos núcleos rurais

González Formoso e Pereira Gil analizaron tamén a importancia que, para a mellora das infraestruturas do municipio, representou o Plan Único, que dende a súa creación en 2017 destinou ao Concello da Baña máis de 1,9 millóns de euros.

O alcalde destacou a "utilidade" do Plan Único, que está permitindo levar a cabo melloras coma a humanización do núcleo de Señor ou a rúa Castiñeira, a reforma da piscina de San Vicente, a recuperación do entorno da fonte dos Lagos, e máis dunha vintena de actuacións de mellora en diversos núcleos rurais do municipio.

O pleno provincial aprobou o pasado venres as bases do Plan Único 2020, que contempla unha achega inicial de 463.554 euros para o Concello da Baña. Será a propia corporación municipal a que decida en que investirá os fondos que lle achega a Deputación.

Páxinas suxeridas