Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro renovarán a cuberta da piscina municipal

Valentín González Formoso e José Ramón Romero (Martiño) asinaron hoxe o convenio de colaboración

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro renovarán a cuberta da piscina municipal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero (Martiño), asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio entre ambas administracións para o financiamento das obras de reparación da cuberta da piscina municipal de Boiro.

A institución provincial investirá 67.768 euros, o 80% do total do orzamento das obras, mentres que o Concello de Boiro achegará o 20% restante con fondos propios, segundo se estipula no texto do convenio.
As obras presentadas teñen dous obxectivos fundamentais: eliminar a totalidade das filtracións de auga que existen na zona de acceso á piscina, garantindo a seguridade dos usuarios da instalación, e renovar os falsos teitos tanto do acceso coma no vaso da piscina, que se atopan nunha situación importante de deterioro, con risco de desprendemento.

Para eliminar as filtracións de auga do exterior, executarase unha cuberta sobre unha estrutura auxiliar, cunha pequena pendente que axude á eliminación da auga de choiva. Unha vez instalada esta cuberta inclinada, repoñeranse os illantes térmicos e procederase á substitución total do falso teito por un novo de láminas de aluminio.

Tamén se renovará o falso teito da zona do vaso das piscina, de láminas de escaiola, por unha nova estrutura de láminas de aluminio lacado e estrutura de soporte de aluminio moito máis axeitado para a resistencia en ambientes de alta saturación de humidade (superior ao 75%) e alto contido en cloro.

Ambas as dúas actuacións completaranse coa instalación dun novo sistema de alumeado, con luminarias empotradas no falso teito de tipo led, o que axudará a mellorar tamén a eficiencia enerxética desta instalación deportiva.