Estás en:Novas

A Deputación da Coruña estuda co Concello de Malpica novas colaboracións para a promoción da olaría


O vicepresidente Xosé Regueira reuniuse coa concelleira Leticia Varela e o concelleiro Daniel García

A deputada de Igualdade, María Muíño, participou na xuntanza para analizar novas colaboracións na área

A Deputación da Coruña estuda co Concello de Malpica novas colaboracións para a promoción da olaría

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, reuniuse coa concelleira de Cultura, Igualdade, Patrimonio e Olaría de Malpica, Leticia Varela, e o concelleiro Daniel García para estudar novas vías de colaboración para a promoción da olaría de Buño, un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do concello e tamén económicos. Na visita á Deputación, xuntáronse tamén coa deputada de Igualdade, María Muíño, arredor da elaboración do Plan de Igualdade Municipal.

A creación dun banco de imaxes da olaría tradicional, a ampliación do programa de promoción ao longo de todo o ano ou a ampliación das instalacións do forno do Forte foron algúns dos temas que centraron a xuntanza entre o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e Leticia Varela e Daniel García, do goberno municipal de Malpica.

De maneira especial, na xuntanza púxose sobre a mesa a posibilidade de ampliación do convenio que xira arredor das actividades do Forno do Forte e incluír a creación dun banco de imaxes para recompilar a importante documentación gráfica existente sobre a tradición oleira do concello.

Ademais, contemplouse tamén a posibilidade de incluír a Festa da Carroa, a cocedura tradicional que fan os oleiros de Buño, no convenio de colaboración entre as dúas institucións para a dinamización das instalacións que son propiedade da Deputación da Coruña e xestiona o Concello de Malpica de Bergantiños. Xunto estas propostas, entre as dúas institucións traballarán conxuntamente para que o convenio contemple actividades de difusión da olaría ao longo de todo o ano, ademais do evento principal que se desenvolve nos catro días da Mostra da Olaría.

Para a mellor xestión das visitas ao Forno do Forte, propiedade da Deputación da Coruña, o Concello propuxo a adquisición do terreo lindeiro para o estacionamento de vehículos, servizo do que é deficitario o museo.

Finalmente, no que respecta ao patrimonio de Malpica de Bergantiños, na orde do día da xuntanza incluíuse a valoración do estado do proxecto do Parque Megalitismo do que o concello conta co ben a Pedra da Arca, un dos catorce dolmens incluídos no conxunto patrimonial do territorio.

Á reunión sumouse tamén a deputada de Igualdade, María Muíño, coa que a concelleira Leticia Varela analizou a situación da área municipal de Igualdade e das posibilidades de elaboración dun Plan de Igualdade Municipal ademais da colaboración de cara ao vindeiro 25 de novembro, día contra a violencia machista