Estás en:Novas

González Formoso reclama financiamento para as numerosas competencias que a Xunta atribúe a deputacións e concellos

O presidente da Deputación da Coruña lembra que "son moitos" os servizos autonómicos que están sendo asumidos polas entidades locais e urxe a activar a súa transferencia á Xunta

Cita como exemplo que máis do 5% do orzamento da Deputación (9,5 millóns de euros) destinarase a manter centros educativos e centros de menores, pese a que son competencia exclusiva da administración autonómica

Presentou ante a Comisión de Economía do Parlamento de Galicia o orzamento da Deputación para 2020, que ascenderá a 184.016.500 euros, un 0,22% máis que no presente ano

O Plan Único, cunha consignación incial de 47,2 millóns de euros, as obras de mellora na rede de estradas (14,7 millóns) e o Plan de Emprego Local (10,6 millóns) destacan entre os programas de investimentos

González Formoso reclama financiamento para as numerosas competencias que a Xunta atribúe a deputacións e concellos

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do orzamento da institución provincial para o exercicio 2020.

González Formoso anunciou que o orzamento da Deputación da Coruña para o vindeiro ano, que será sometido á aprobación do pleno o vindeiro 21 de novembro, ascenderá a 184.016.500 euros, o que supón un leve incremento do 0,22 % sobre o do presente exercicio e destacou que, un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, mantendo a actual situación de "débeda cero" da institución provincial.

O presidente coruñés enmarcou esta prudencia na programación orzamentaria de cara ao vindeiro ano na "ausencia de Orzamentos Xerais do Estado, o que expón numerosas e relevantes incógnitas para os orzamentos das entidades locais" e criticou que o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia "non inclúa ás deputacións entre os destinatarios do Fondo Galego de Cooperación Local, mentres as diferentes normas autonómicas séguenlles atribuíndo competencias sen cuantificación nin dotación orzamentaria".

"Son múltiples os exemplos de leis e normas autonómicas que establecen competencias e obrigas ás entidades locais e que non contan con financiamento suficiente: servizos sociais, incendios, protección animal, recollida e tratamento de lixo, subministración e depuración de augas residuais...", enumerou o presidente da Deputación da Coruña, que apuntou que "tamén son moitos os servizos atribuídos pola lexislación á Comunidade Autónoma que son realmente prestados polas entidades locais sen dotalas de fondos para levalas a cabo", polo que urxiu a "activar os procesos de transferencias que permitan a súa xestión integral pola administración autonómica".

Neste sentido, lembrou que algo máis do 5% do orzamento da Deputación da Coruña en 2020 (9,5 millóns de euros) serán destinados a manter centros educativos coma o IES Puga Ramón e o IES Calvo Sotelo da Coruña ou os fogares infantís da Coruña e Ferrol, que seguen sendo de titularidade provincial, pese a que a educación e os servizos de protección e atención a menores son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. "O importe anual destinado a estes servizos minora, evidentemente, os fondos asignados aos concellos da provincia", afirmou.

Limitacións no gasto do superávit

González Formoso afirmou que, a pesar da economía saneada da Deputación da Coruña e da ausencia de endebedamento, a súa capacidade inversora vese "innecesariamente limitada pola denominada regra de gasto".

"Comparto que non é posible gastar o que non se ten, pero tamén considero inadecuado non poder destinar os recursos dispoñibles a financiar servizos e investimentos que resultan indispensables para o benestar social e económico dos cidadáns", afirmou o presidente da Deputación, que considerou que esta limitación lexislativa constitúe "un efecto non desexado que debe ser corrixido se non queremos manter un superávit improdutivo nas entidades locais".

Formoso apuntou que a regra de gasto "paraliza 8.000 millóns de euros dos concellos que fixeron os deberes" e atópanse nunha situación financeira saneada, e estimou nuns 200 millóns de euros o impacto na provincia coruñesa.

72,6 millóns de investimento en plans provinciais

Valentín González Formoso detallou que a Deputación da Coruña destinará en 2020 máis de 72,6 millóns de euros aos distintos plans provinciais, entre os que destaca, un ano máis, o Plan Único (POS+2020) que contará cunha dotación orzamentaria inicial de 47,2 millóns de euros para financiar obras e servizos públicos nos 93 concellos coruñeses, unha cantidade que, como todos os anos, irá incremetandose progresivamente coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio.

"O Plan Único da Deputación da Coruña transferiu este ano 100 millóns de euros aos municipios coruñeses e é o segundo maior plan de obras e servizos de todo o Estado español", afirmou.

Neste punto, Formoso instou á Xunta de Galicia a aplicar tamén "criterios obxectivos e consensuados" para a asignación e distribución dos fondos ás entidades locais, tal como se fixo coa creación do Plan Único da Deputación da Coruña.

Asemade, anunciou que as bases do Plan Único incluirán en 2020 novidades para que os concellos en situación de "risco financeiro" podan destinar a maior parte dos fondos que lles asigna a Deputación a financiar "aqueles gastos correntes que atenden funcións sociais básicas coma educación, ensino, atención a dependentes, servizos sociais, sanidade, igualdade, e todos os directamente relacionados cos atención axeitada dos servizos públicos esenciais".

Outros plans provinciais importantes durante o vindeiro ano serán os 14,7 millóns de euros destinados a investimentos, conservación e construción de sendas peonís e travesías urbanas nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas ou os 10,6 millóns que a Deputación destinará ao Plan de Emprego Local (PEL), qu demostran que a aposta pola creación de emprego e o apoio ao emprendemento seguirá a ser un dos obxectivos principais do Goberno provincial.

Segundo explicou o presidente, no orzamento de 2020 "reforzarase a promoción económica dos sectores primarios coma a agricultura, a gandería ou a pesca" e incrementaranse tamén os recursos destinados a "áreas prioritarias e preferentes" coma Benestar Social, Igualdade ou a Rede Cultural.

A aposta por un novo modelo de mobilidade sustentable será outra das claves da acción do Goberno provincial no vindeiro ano coa posta en marcha de importantes proxectos que contarán con financiamento europeo coma a Vía Verde Santiago-Cerceda, as Sendas dos Faros ou a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.

Xestión directa dos parques de bombeiros comarcais en 2020

González Formoso agradeceu á Xunta de Galicia, aos representantes sindicais dos bombeiros e aos diferentes grupos políticos da Deputación "a súa leal colaboración e intenso traballo" para facer posible que o vindeiro 1 de xaneiro de 2020 os 10 parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña pasen a ser xestionados directamente pola administración pública a través do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña que integran ao 50% a Deputación e a Xunta de Galicia.

"Para 2020 concretarase o cambio na forma de xestión e unha táboa retributiva única e común para todos os parques de bombeiros, que garanta a igualdade e a seguridade xurídica de todos", anunciou.

O presidente sinalou tamén que a Deputación da Coruña manterá conxeladas as tarifas das taxas e prezos públicos en 2020 e apuntou o que o incremento do 90 ao 98% da porcentaxe das entregas a conta aos concellos que teñen delegada na administración provincial a recadación dos seus tributos supuxo adiantar, mes a mes, aos concellos coruñeses un total de 170,5 millóns de euros, mellorando de forma notable a liquidez dos municipios coruñeses e as súas posibilidades de atender as súas obrigas económicas.