Estás en:Novas

A Deputación destaca a importancia estratéxica do sector pesqueiro na provincia da Coruña

O deputado de Promoción Económica, Blas García, subliña que o sector achega o 2% do PIB galego e contribúe a manter 40.000 empregos

Destaca a aposta da Deputación pola modernización dos pósitos e a mellora dos procesos de comercialización a través de distintas liñas de subvencións

A Deputación destaca a importancia estratéxica do sector pesqueiro na provincia da Coruña

O deputado responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, destacou hoxe "a importancia social e económica do sector marítimo-pesqueiro", que achega algo máis do 2% do PIB galego e contribúe a manter 40.000 empregos en Galicia. "Confiamos nas posibilidades da pesca coruñesa para converterse nun referente a nivel europeo e internacional na xestión sostible dos recursos do mar", apuntou o deputado.

Blas García participou esta mañá na lonxa da Coruña inauguración do VI Congreso de Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro, organizado por FREMSS, nun acto que contou tamén coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de FREMSS, Juan Carlos Corrás.

"Aínda que a Deputación carece de competencias en materia de pesca, somos moi conscientes de que se trata dun sector clave, estratéxico para a provincia da Coruña", afirmou Blas García, "por iso, a área de Promoción Económica apoia ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras na modernización dos pósitos coruñeses ou na mellora dos procesos de comercialización, co obxectivo de facer o sector marítimo-pesqueiro coruñés aínda máis competitivo e sostible".