Estás en:Novas

A Deputación involucra todo un concello nunha iniciativa contra a violencia de xénero

Alumnado, nais, pais, comercios.... todo o concello de Serra de Outes implicouse na gravación da curtametraxe “Convidados de pedra”, un traballo contra a violencia de xénero que este 25D foi presentado pola Deputación da Coruña no IES Puga Ramón da Coruña. Máis de cen rapaces e rapazas e un silencio absoluto sentiuse no salón de actos do IES Puga Ramón en que este 25 de novembro foi presentado “Convidados de pedra”, curtometraxe gañadora do I Concurso de Guións contra a violencia de xénero que a Deputación da Coruña está a difundir na rede.

A Deputación involucra todo un concello nunha iniciativa contra a violencia de xénero

Alumnado, nais, pais, comercios.... todo o concello de Serra de Outes implicouse na gravación da curtametraxe “Convidados de pedra”, un traballo contra a violencia de xénero que este 25D foi presentado pola Deputación da Coruña no IES Puga Ramón da Coruña. 

Máis de cen rapaces e rapazas e un silencio absoluto sentiuse  no salón de actos do IES Puga Ramón en que este 25 de novembro foi presentado “Convidados de pedra”, curtometraxe gañadora do I Concurso de Guións contra a violencia de xénero que a Deputación da Coruña está a difundir na rede. 

No acto de presentación, ademais da vicepresidenta Goretti Sanmartín e a deputada delegada da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco participou tamén a profesora Manuela Campos, titora do alumnado que é protagonista do desenvolvemento de “Convidados de pedra”, unha curtametraxe que convida á “acción” contra a violencia de xénero e que chega a imaxes co apoio da empresa audiovisual Esferobite.  

A vicepresidenta Goretti Sanmartín parabenizou a todo o equipo que participou na elaboración de “Convidados de pedra” e esixiu na súa intervención “maior implicación das administracións para as que a violencia machista ten que ser unha prioridade política, con recursos e con implicación social. É preciso, como di a curtametraxe, actuar e tecer redes de axuda coas mulleres”, sinalou ao tempo que reclamou “tolerancia cero” coa violencia machista.   

A curtametraxe, que mostra a violencia de xénero desde o punto de vista dunha rapaza da idade do alumnado que asistiu á proxección, contou coa participación de persoas de distintos sectores do concello de Serra de Outes, de rapaces e rapazas do centro de ensino medio mais tamén de pais e nais e de comercios que colaboraron na iniciativa.  

“A curtametraxe é útil para mostrar desde a propia experiencia, como desde unha idade de especial relevancia na formación se entende o que pasa na sociedade, unha época vital fundamental para traballar na prevención do feminicidio, da violencia contra as mulleres só por sermos mulleres”, sinalou Ánxela Franco no acto de presentación ao tempo que insistiu en que a educación é a mellor ferramenta para vencer o machismo.  

As imaxes reproducen a historia de Paz Amor Bo, unha moza que gaña un premio literario cun relato baseado na violencia que ela e súa nai padecen na súa propia casa, guión gañador da convocatoria da Deputación que foi levado á imaxes co apoio de profesionais de Esferobite.  

“Estamos moi sorprendidos polo impacto. No concello tivo unha repercusión grande e foi extraordinario ver como se implicaron tantas persoas”, explicou a profesora Manuela Campos dunha curtametraxe que se realizou co apoio esencial da veciñanza de Outes. Desde Esferobite destacaron tamén a participación activa do alumnado do instituto, que desenvolveron papeis de produción, realización ou fotografía e decidiron o camiño que ía levar a montaxe.

Páxinas suxeridas