Estás en:Novas

O artista Mauro Trastoy gaña o Premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña

O xurado escolleu por unanimidade a obra titulada 7 elaborada a punto de cruz

O artista Mauro Trastoy gaña o Premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña

O artista Mauro Trastoy (Ferrol, 1971) coa súa obra titulada "7" é a gañador do XVI certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas da Deputación da Coruña. A obra está elaborada a punto de cruz con la sobre arpilleira branca.

Un xurado composto por Silvia García González, Alberto González-Alegre, David Barro, Almudena Fernández e Manuel Eirís -gañador da edición anterior- escolleu por unanimidade a obra do artista Mauro Trastoy de entre as vinte finalistas que foran seleccionadas do total das presentadas a esta nova convocatoria do Premio Díaz Pardo de Artes Plásticas da Deputación da Coruña.

O xurado valorou a calidade da obra presentada e titulada "7" e, de maneira especial, como esta é resultado dunha singular investigación e experimentación con técnicas relacionadas coa trama e a urda e o quefacer artesanal para facer unha pintura sen pintura, a partir de xestos mínimos e unha incidencia no proceso e na repetición do motivo. A obra, de la branca sobre arpilleira branca, "consigue renovar a tradición da pintura reivindicando ao mesmo tempo as nosas tradicións artesanais".

O artista natural de Ferrol, recibirá un premio de 6.500 € e a súa obra participará xunto coas finalistas na exposición itinerante organizada pola Deputación da Coruña que visitará dez concellos da provincia. Ademais, a Deputación da Coruña destina nesta convocatoria un orzamento dun total de 25.000 € para a compra de obras seleccionadas.

Mauro Trastoy é un dos nomes máis recoñecidos da arte contemporánea galega e a súa obra expúxose en distintas mostras individuais e colectivas. Artista e deseñador gráfico, coa súa obra cuestiona as fronteiras entre arte, artesanía e deseño. Nos últimos tempos, un dos principais ámbitos de traballo de Trastoy céntrase no contacto e a experimentación cos propios materiais.

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, o artista participou nunha estadía en Künsthochshule de Kassel e no Kulturmodell de Alemaña, ademais de ser artista en residencia da Fundación Granell.

Páxinas suxeridas