Estás en:Novas

A Deputación da Coruña cofinancia as obras de pavimentación das rúas do casco histórico de Fontán e a renovación da rede de abastecemento de auga no Tarabelo (Sada)

Aberto o proceso de licitación de ambas obras, que suman un investimento de 255.355 euros e serán cofinanciadas con fondos do Plan Único (POS+2019)

A Deputación da Coruña cofinancia as obras de pavimentación das rúas do casco histórico de Fontán e a renovación da rede de abastecemento de auga no Tarabelo (Sada)

O Concello de Sada vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de acondicionamento e mellora do pavimento das rúas da zona histórico de Fontán e de renovación dos servizos de saneamento e abastecemento de auga no Tarabelo. Ambos proxectos suman un investimento total de 254.355 euros que serán cofinanciados con fondos do Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña.

En concreto, as obras de Fontán contan cun orzamento de 140.278,49 euros, dos que 119.389,30 serán achegados pola Deputación e 20.889 con fondos propios do Concello de Sada.

O proxecto consistirá na substitución do actual pavimento de formigón por un novo firme de lastro na rúa Antonio Sanjurjo Badía dende o seu inicio no cruce da estrada AC-163 Sada-Mera até a súa intersección coa rúa das Flores, co obxecto de homoxeneizar o casco histórico de Fontán, onde as rúas adxacentes xa contan con firme de lastro. Na rúa das Flores e na praza existente na zona levantarse tamén o pavimento actual de lastro, nun estado importante de deterioro, para a súa posterior recolocación.

Aproveitando as obras, levarase a cabo a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais e saneamento, a instalación de canalización subterránea para o cableado de telecomunicacións e alumeado público, que permitirá eliminar o tendido da superficie e a dotación de novo mobiliario urbano coma bancos de ferro e madeira, papeleiras e xardineiras.

Saneamento e abastecemento no Tarabelo

As obras de renovación de servizos previstas no Tarabelo teñen un orzamento de 114.077 euros, dos que 94.077 serán financiados co Plan Único da Deputación e 20.000 polo Concello de Sada.

As obras suporán unha importante mellora das infraestruturas de auga do núcleo do Tarabelo, onde a antiga rede de fibrocemento de 100 mm de diámetro non é capaz de soportar a alta demanda que soporta, especialmente durante os meses estivais.

Para evitalo, renovarase o servizo de abastecemento na zona instalando 328 novos metros de tubaxe de fundición dúctil e realizando os entronques coa rede existente e as acometidas domiciliarias.

Ademais, renovaranse os servizos da rede de saneamento a impulsión das augas residuais coa instalación de 100 novos metros de tubaxe de PVC e dous pozos de saneamento e mellorarase a recollida de pluviais coa instalación de 220 metros de tubaxe e 10 sumidoiros.

Páxinas suxeridas