Estás en:Novas

A Coruña acollerá a Copa do Rei de Hockey 2020

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, participou hoxe en María Pita na presentación do evento xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes da Xunta e do Deportivo Liceo

A Coruña acollerá a Copa do Rei de Hockey 2020

A cidade da Coruña acollerá en marzo de 2020 a celebración da Copa do Rei e a Copa da Raíña de Hóckey .

Así o anunciaron esta mañá nunha rolda de prensa celebrada no Pazo municipal de María Pita a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a deputada provincial responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o vicepresidente do Deportivo Liceo, Emilio Fernández.
Os dezaseis equipos mellor clasificados ao final da primeira volta da OK Liga (8 masculinos e 8 femininos) daranse cita en febreiro na Coruña para disputar o primeiro torneo oficial da vindeira tempada e o campionato nacional máis antigo de hóckey a patíns de cantos se disputan en España.

Por segundo ano consecutivo, a Federación Española de Patinaxe estableceu que ambas competicións desenvolveranse conxuntamente, co obxectivo de promover
tanto o hóckey masculino coma o feminino.

"Para a Deputación da Coruña será un honor seguir colaborando co Liceo, cando se cumpren dez anos dende a última vez que A Coruña acolleu a Copa do Rei de Hóckey", afirmou Cristina Capelán, que subliñou os "estreitos vínculos de colaboración" que dende hai décadas mantén a Deputación co club deportivo máis laureado de Galicia, con 6 Copas de Europa, 7 Ligas e 9 Copas do Rei nas súas vitrinas.

"Esperamos redondear a dez o palmarés de Copas do Rei o vindeiro mes de febreiro. Teño a certeza de que a forza e o apoio da afección coruñesa vai contribuír a isto", afirmou a deputada de Deportes.

Páxinas suxeridas