Estás en:Novas

"Palabras de Luz" de Cantabile incorpora ao repertorio galego doce obras corais que xunta poetas e compositores contemporáneos

A estrea será o día 20 no Teatro Colón da Coruña

12 poetas, 6 compositores, 1 coro son os números de "Palabras de Luz" o proxecto da Asociación Musical e Cultural Cantabile que incorporará doce obras o repertorio coral galego. A Deputación da Coruña colabora na iniciativa que se estreará o vindeiro 20 de novembro no Teatro Colón e se publica tamén en CD coas partituras que se distribuirán a todas as corais galegas.

Anxo Angueira, Antía Otero, Baldo Ramos, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Dores Tembrás, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Lucía Cernadas, Manuel Rivas, María Lado e Pilar Pallarés son os nomes de poetas. Federico Mosquera, Fernando Buide, Juan Durán, Jesús Rodil, María Mendoza e Octavio Vázquez compuxeron a música de "Palabras de Luz", o proxecto da Asociación Musical e Cultural Cantabile que esta mañá se presentou na Deputación da Coruña.

"Trátase dun proxecto que leva dous anos cociñándose, que naceu da mente do noso socio Xulio Loureiro e reuniu 12 poetas e 6 compositores para crear repertorio de música coral culta en galego que é un déficit que tiñamos e responde ás necesidades dos coros aos que chegará este traballo", explicou Lucía Cernadas, presidenta do Coro Cantabile que convidou a asistir ao concerto de estrea que se desenvolverá o 20 de novembro no Teatro Colón ás 20.30 horas con entrada gratuíta.

O responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, destacou a "renovación do repertorio coral culto que significa este proxecto que é o resultado de moito traballo e moi ben feito". Deulle así parabéns ao Coro Cantabile e aos autores e autoras de "Palabras de Luz" que conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Tamén o concelleiro de Cultura da Coruña, Jesús Celemín destacou a "emoción" do proxecto que definiu como "ouro moído".

Por parte do grupo de autores e autoras, a poeta Dores Tembrás valorou "a sensibilidade para detectar o déficit e coidar a música e a lingua para un sector tan popular" e destacou a "nómina extraordinaria de poetas que amosaron o máximo entusiasmo de participar neste proxecto". O compositor Fernando Buíde agradeceu a Cantabile a confianza no equipo e destacou o labor do coro e dun proxecto "fermoso, que axuda a manter viva a cultura musical galega, desde que as persoas se achegan á música até a práctica máis profesional".

Presentación da Asociación Musical e Cultural Cantabile

En 2018 foi precisamente o ano no que a Asociación Musical e Cultural Cantabile decidiu apostar fortemente por un ambicioso proxecto que xa levaba un tempo querendo acometer: a renovación do repertorio coral culto da música galega e en galego.

Mediante a unión de poetas, compositores e compositoras de Galicia, o resultado desta idea materializouse na publicación dun libro de partituras inéditas e un disco gravado polo coro Cantabile. Estas partituras serán accesíbeis a todos os coros tanto profesionais como afeccionados da comunidade, concellos, deputacións e centros de ensino musical públicos, sen deixar de lado por iso a calidade que se persegue. Asemade, o disco pretende ser a continuación da carreira discográfica do coro e o medio de divulgación do proxecto para as persoas alleas á práctica coral, que simplemente gozan da música como público.
De xeito paralelo ao desenvolvemento destas tarefas, o proxecto busca pór en valor o labor de creadores e creadoras do país de altísima calidade, tanto no panorama das letras como no da música. A idea de "Palabras de Luz" é establecer pontes de colaboración entre ambas artes para crear un proxecto cooperativo único no entorno galego.

A área de influencia deste proxecto é decididamente ampla, con vistas á súa expansión por todo o territorio galego e até internacional. A temática do mesmo presenta un fío condutor estético artellado en torno á luz e a lingua; o seu estilo pretende ser explicitamente innovador e coidado, fuxindo do excesivo popularismo. "Palabras de luz" quere ser, aliás, un paso decidido no proceso de normalización da lingua galega neste ámbito e engrosar o repertorio cultural galego. Con este fin, pasado o concerto de presentación, a Asociación remitirá unha copia do libro-CD e das partituras a todos os coros de Galiza.

O traballo consta de doce novas obras corais inéditas en galego. Os textos foron escritos por Anxo Angueira, Antía Otero, Baldo Ramos, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Dores Tembrás, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Lucía Cernadas, Manuel Rivas, María Lado e Pilar Pallarés -Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura 2019-. Por súa vez, a música foi composta por Federico Mosquera, Fernando Buide -que recentemente estreou a primeira ópera en galego de gran formato, "A amnesia de Clío"-, Juan Durán -premio Reina Sofía de Composición 2018-, Jesús Rodil, María Mendoza e Octavio Vázquez.

A Deputación e o Concello da Coruña colaboran no proxecto "Palabras de luz" que se publica en CD e se estreará o vindeiro 20 de novembro de 2019 ás 20:30 h no Teatro Colón da Coruña.

Páxinas suxeridas