Estás en:Novas

A Deputación inviste 406.609 euros na construción dunha senda peonil de 2,3 quilómetros na rúa San Martiño de Santiago

O proxecto, que vén de saír a licitación, será financiado ao 100% polo Plan Único e contribuirá a mellorar a seguridade dos peóns

A Deputación inviste 406.609 euros na construción dunha senda peonil de 2,3 quilómetros na rúa San Martiño de Santiago

O Concello de Santiago vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de construción dunha senda peonil na rúa San Martiño, na parroquia compostelá de Aríns.

As obras suporán un investimento de 406.609,27 euros, financiados integramente con cargo ao Plan Único (POS+ 2019) da Deputación da Coruña.

A rúa carece actualmente de pasos para peóns, que se ven obrigados a circular polas estreitas beiravías existentes, o que representa un risco importante para a súa seguridade.

Os traballos suporán a construción dunha senda que garanta unhas condicións axeitadas de seguridade e comodidade para os peóns dende o cruce da rúa San Martiño coa estrada AC-261 ao longo de 2.330 metros.

A senda proxectada terá unha anchura media de 2 metros, podendo producirse estreitamentos puntuais ata un mínimo de 1,50 metros. Estará construída sobre unha base de lastro artificial e unha capa superior de xabre granítico estabilizado de 10 cm. de espesor.

A senda contará cunha rede de recollida de augas pluviais e tubaxe subterránea de PVC de 400 milímetros de diámetro para a súa canalización.

Na marxe da senda que limita coas fincas privadas instalarase unha rígola de formigón para conducir as augas pluviais co fin de evitar que pasen que pasen dende o terreo á senda peonil. Estas rígolas conectan coas arquetas e estas ás súa vez cos pozos de rexistro mediante unha tubaxe.

As obras incluirán a obra civil para a futura instalación subterránea co cableado do alumeado público.

As empresas interesadas en participar na licitación poden presentar as súas ofertas até o vindeiro 9 de decembro.

Páxinas suxeridas