Estás en:Novas

A Deputación da Coruña investirá preto de 114.000 euros na rehabilitación exterior da antiga reitoral de Ares

O proxecto, que vén de saír a licitación, será financiado ao 100% polo Plan Único e servirá para recuperar o exterior deste emblemático inmoble que data do século XVII

A Deputación da Coruña investirá preto de 114.000 euros na rehabilitación exterior da antiga reitoral de Ares

O Concello de Ares vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de recuperación e rehabilitación exterior da antiga reitoral de Ares, un céntrico inmoble que data do século XVII e que está actualmente en estado semirruinoso.

As obras contemplan un investimento de 113.933,73 euros, que serán achegados integramente polos fondos do Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña e supoñen "un primeiro paso para recuperar un inmoble emblemático que forma parte do patrimonio histórico de Ares", segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que lembrou que o goberno municipal de Julio Iglesias Redondo leva tempo traballando no proxecto, tras conseguir en 2018 a cesión do inmoble por parte do Arcebispado de Santiago, co obxectivo de dedicalo a fins sociocomunitarios que contribúan á mellora a calidade de vida da veciñanza e ampliar a oferta social e cultural do municipio.

As obras contemplan a substitución das vigas de madeira da estrutura actual por novas cerchas de madeira laminada, así como a renovación completa da cuberta, coa demolición da estrutura actual (seriamente danada) e a súa substitución por unha nova, construída con láminas de fibrocemento e tella cerámica curva, similar á orixinal.

Renovarase tamén completamente o revestimento actual das fachadas do inmoble con morteiro de cal acabado con pintura branca e executarase unha nova soleira de formigón armado, rematada con gres cerámico na planta baixa.

As obras incluirán tamén a rehabilitación de toda a carpintería exterior do inmoble (portas e xanelas), seguindo os despeces e aperturas actuais. O edificio conta xa con instalacións de electricidade, alumeado, fontanería e telecomunicacións, aínda que será necesario renovalas.

As empresas interesadas en participar na licitación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 9 de decembro.

Páxinas suxeridas