Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste máis de 165.000 euros na mellora de infraestruturas deportivas en Muros

O Concello de Muros vén de publicar a licitación das obras de renovación da pista polideportiva do pavillón de Miraflores e de conservación das estruturas metálicas dos campo de fútbol Louro e Esteiro e o club de remo de Esteiro

O Plan Único da Deputación inviste máis de 165.000 euros na mellora de infraestruturas deportivas en Muros

O Plan Único da Deputación da Coruña investirá 165.385.52 euros nas obras de mellora e mantemento de varias infraestruturas deportivas de Muros: a renovación completa da pista polideportiva do pavillón de Miraflores e a conservación das estruturas metálicas dos campos de fútbol de Louro e Esteiro e do club de remo de Esteiro.

O proxectos, con cargo ao POS+2018, veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público e suporán melloras importantes nas citadas infraestruturas deportivas do municipio.

No caso do pavillón de Miraflores, os traballos suporán un investimento de 52.844 euros (45.8444 € achegados pola Deputación e 7.000 polo Concello de Muros) para renovar o pavimento actual do centro deportivo, en uso dende a súa inauguración en 1991, polo que acusa un desgaste importante.

As obras consistirán na desmontaxe e retirada da capa superficial do pavimento, a reparación da soleira actual e a colocación posterior dun novo pavimento autonivelante de linóleo de 4 mm de grosor e o pintado das marcas regulamentarias das diferentes superficies de xogo para o desenvolvemento de actividades deportivas: pistas lonxitudinais de fútbol sala, balonmán, hóckey a patíns, baloncesto, tenis, voleibol, e bádminton e dúas transversais para a práctica do baloncesto.

A Deputación financiará tamén con 112.540,68 euros as obras de conservación das estruturas metálicas dos campos de fútbol de Louro e Esteiro e do club de remo de Esteiro, que debido ao paso do tempo e á acción dos axentes atmosféricos e da alta salinidade presentan corrosión e óxido.

As obras consistirán no decapado e limpeza das estruturas metálicas, a eliminación do óxido mediante un tratamento con produto alcalino forte e deterxente a presión e a aplicación dun tratamento anticorrosión con imprimación vinílica e resina expoxi.

O Plan Único permite aos concellos da provincia decidir cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que lles achega a Deputación. Dende a súa creación en 2017, O Plan Único investiu máis de 9,3 millóns de euros en 69 obras de mellora e renovación de infraestruturas deportivas nos concellos coruñeses.

Páxinas suxeridas