Estás en:Novas

Cinco bandas participan este venres en Boiro na final do Premio Narf da Deputación da Coruña

O concerto e que se decidirán os premios terá lugar na sala A Pousada da Galiza Imaxinaria, moi relacionada con Fran Pérez

A banda da Pobra, Moito! será a convidada da gala final

Mileth, Costa Escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda competirán polos premios

Cinco bandas participan este venres en Boiro na final do Premio Narf da Deputación da Coruña

Cinco bandas interpretarán ao vivo os seus temas na final do Premio Narf de grupos musicais da Deputación da Coruña. Será este venres, día 22 de novembro a partir das 20.30 horas na sala A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, moi relacionada co músico que dá o nome ao certame. Mileth, Costa Escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda son os grupos que competirán na final nun concerto en que a banda da Pobra, Moito!, actuará como convidada.

Ás 20.30 deste venres día 22 de novembro está previsto o inicio do concerto en que se decidirán os premios do XI Concurso Fran Pérez Narf de grupos e artistas musicais nun espazo especialmente relacionado coa traxectoria vital e artística do músico que lle dá nome ao certame, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro.

Nesta ocasión, o concerto contará coa actuación das cinco bandas finalistas que foron seleccionadas da totalidade de presentadas. Mileth, Costa Escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda terán oportunidade de interpretar ao vivo os seus temas diante do xurado nunha actuación que contará como convidada coa banda da Pobra, Moito!. A entrada será libre até completar a capacidade.

A banda Moito! está composta por Felipe Castro, Diego González, Juan Rey e Diego Guillín. No ano 2018 publicou o seu primeiro traballo discográfico, Ingravidez e recentemente remataron o seu novo álbum titulado Inxeñeiría inversa,

Bandas finalistas:
Mileth: grupo nacido na Mariña luguesa que practica o que definen como Metal Pagán Galaico, unha mestura entre metal extremo, folk e música tradicional galega.
No 2019 presentan esta particular fusión no seu primeiro disco "Catro pregarias no albor da Lúa Morta". Está composto por Dana Lago, Elías Lamoso, Jacobo Mouriño, Marcos Rodríguez, Cristian Bolaño e Jorge Fernández.

Costa escura: Nace na primavera do 2018 como proxecto aberto á experimentación espontánea cunha proposta persoal e grupal, plural e audible.
Composto por Carlos Izquierdo, Jesús Ruperto Andrés Tejada e Pablo Muñiz.

Rebezo: Novo proxecto artístico fundado en 2018 na comarca de Compostela.
Composto por Mar Pérez, Manuel Lucas, Tomé Mouriño, Aldara Palmeiro e Rubén Mouriño.

Adhara & Ritman: Proxecto musical tamén de nova creación que ten como referencia as raíces folk galegas mestizándoas con outros estilos puros de raíz como o blues, reggae, swing, etc... O seu primeiro CD titúlase "Libre son". Adhara Caamaño, a voz, é coñecida como "A Cuncheira de Sofán".
Composto por Adhara Caamaño, Luís Alberto Barbeiro, Arturo Kress e Andrés José Castro.

Rabuda: Nace en xaneiro de 2017 en Vigo como banda de rock intimista con elementos de psicodelia e new wave.
Composto por: Isa Mariño, Víctor Rivas e Sandra Romero.

Páxinas suxeridas