Estás en:Novas

“A Ponte das verbas” converterá durante un mes a Pontedeume na capital da literatura infantil e xuvenil galega

O programa conta coa colaboración da Deputación e inclúe numerosas actividades e encontros con escritores

“A Ponte das verbas” converterá durante un mes a Pontedeume na capital da literatura infantil e xuvenil galega

O Concello de Pontedeume acollerá, entre o 25 de novembro e o 22 de decembro, o programa 'A Ponte das Verbas', una iniciativa que pretende homenaxear o acervo cultural galego a través dunha exaltación da súa literatura infanto-xuvenil.
O programa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, presentouse esta mañá na localidade nun acto no que a concelleira de Cultura eumesa, Ángela Piñeiro, que destacou que "Pontedeume será un gran escenario das letras galegas onde escritores, obras e público compartan espazo; onde as historias dos libros tomen forma e as palabras voz, recuperando o pracer de ler entre os nenos e nenas", afirmou.
O programa centrarase nas obras en seis Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil en lingua galega (1986 Paco Martín por 'Das cousas de Ramón Lamote'; 1995 Xabier Docampo por 'Cando petan na porta pola noite'; 1996 Fina Casalderrey por 'O misterio dos fillos de Lúa'; 2008 Agustín Fernández por 'O único que queda é o amor'; 2015 Ledicia Costas por 'Escarlatina, a cociñeira defunta', e 2017 Antonio García por 'Poemar o Mar').
Durante un mes, haberá encontros cos autores vivos nos centros de secundaria de Pontedeume, realización de murais inspirados nas obras premiadas, obradoiros, un área de xogo infantil e outras actividades na biblioteca municipal. Tamén un homenaxe aos escritores finados Agustín Fernández Paz e Xabier Docampo.
Con esta ponte de verbas, a Deputación da Coruña e o Concello de Pontedeume queren que os máis pequenos coñezan e valoren os autores dese mundo de fantasía, que interactúen con eles e que poidan preguntarlle ás escritoras e escritores pola súa obra ou proceso creativo.

Páxinas suxeridas