Estás en:Novas

A coruñesa Isma Kalo e a banda de Caión "A música das baleas" gañan o Quero Cantar da Deputación da Coruña

A coruñesa Isma Kalo e a banda de Caión

- A coruñesa Isma Kalo coa canción "A quen lle importa?" na categoría xuvenil e a banda de Caión "A música das baleas" co tema "A peor xogada" na de infantil son as gañadoras da IV edición do Concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña que celebrou a súa final no Teatro Colón da Coruña.

Seis bandas e solistas chegaban á final do Teatro Colón da Coruña en que se decidiu as propostas gañadoras da cuarta edición do concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña cun xurado formado por nenas e mozas para as dúas categorías do certame.

No apartado de música infantil, a gañadora foi a banda "A música das baleas" de Caión que se impuxo na valoración do xurado co seu tema "A peor xogada". O segundo premio foi para Rap-osiños de Laxe e o terceiro para Baroubanda, de Ames.
Na categoría xuvenil a gañadora desta nova edición do certame foi a coruñesa Isma Kalo co seu tema "A quen lle importa?" conseguiu facerse co primeiro premio nunha edición en que tres solistas foron finalistas da modalidade para máis maiores. Noa de Vila de Cruces fíxose co segundo premio e Veiga de Sada foi o gañador do terceiro premio.

"A gala final do Quero Cantar mostra a altísima calidade das propostas presentadas e converteuse, como en anos anteriores, nunha verdadeira festa e un acontecemento no ámbito da música infantil e xuvenil", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto que anunciou unha nova convocatoria dun concurso que "está xa consolidado".

Isma Kalo, gañadora xuvenil

Isma Kalo é o nome artístico de Laura Marín, unha rapaza coruñesa de 15 anos. É veciña do barrio dos Mallos e estuda no instituto da Sardiñeira. Estuda canto con Ángeles Dorrio e é unha apaixonada da música en xeral e particularmente da música balcánica. Na realidade, a cultura balcánica é a súa gran paixón xunto coa música. Polo de agora prefire facer versións, máis ca compoñer, e a canción "A quen lle importa?" É a súa primeira composición en galego.

Recoñece que unha canción tan intimista coma esta non podería compoñela en ningunha outra lingua. É tamén unha firme defensora da normalización do galego e confía no papel da mocidade para superar os prexuízos seculares.

A música das baleas, banda gañadora en infantil

O grupo A música das baleas nace a partir do coro do Ceip de Caión, dirixido polo mestre de música, Jose Carballido, integrante ademais de formacións como Khitara ou Réquiem. O nome do grupo remite ao animal símbolo desta pequena vila pesqueira, hai séculos un dos poucos portos baleeiros de Galiza.

Gran parte dos nenas e nenos integrantes do grupo fórmanse ademais musicalmente noutros espazos, nomeadamente nas diferentes disciplinas da música tradicional que ofrece como formación a asociación caionesa Arume.

A idea da canción "A peor xogada" naceu orixinalmente para ser interpretada na conmemoración do Día da Paz. A música, composta polo mestre, reflicte os gustos musicais que van do rock duro de aire gótico pasando pola música clásica e coa inclusión de elementos da música tradicional galega.

Páxinas suxeridas