Estás en:Novas

A Deputación da Coruña dota a Rianxo dunha nova sede para a Policía Local

A adaptación integral do inmoble, financiada co Plan Único, supuxo un investimento de 107.319 euros
González Formoso destaca "a utilidade do POS+ para mellorar as infraestruturas e servizos municipais"

A Deputación da Coruña dota a Rianxo dunha nova sede para a Policía Local

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe en Rianxo ao acto de inauguración da nova sede da Policía Local, na céntrica rúa Rosalía de Castro do municipio, moi preto da igrexa da Guadalupe.

Acompañado do alcalde da localidade, Adolfo Muíños, do coronel xefe da Comandancia da Guardia Civil na Coruña, Francisco Javier Jambrina, e de representantes da corporación municipal rianxeira, o presidente provincial percorreu os 201 metros cadrados do inmoble, que acolle as novas e modernas dependencias nas que desenvolverán o seu traballo cotián os policías municipais do Concello de Rianxo.

O edificio consta dunha planta baixa, que se destinará a atención ao público, e unha primeira planta, restrinxida para o traballo dos axentes, que están comunicadas entre si a través de escaleiras e dun ascensor. Nas paredes dispuxéronse fotografías que fan unha pequena escolma da historia do corpo da Policía Local dende a súa creación.

No seu discurso inaugural, Valentín González Formoso destacou que o inmoble, unha das 1.700 obras financiadas polo Plan Único nos 93 concellos coruñeses, supón "un exemplo máis da utilidade deste plan para mellorar as infraestruturas e os servizos municipais".

"A Deputación axuda a cumprir unha vella demanda da Policía Local e do alcalde de Rianxo, que é dotar deste novo equipamento a un corpo que é esencial na vida de calquera municipio", afirmou o presidente provincial, que destacou que, só a través do Plan Único, a Deputación leva investido preto de 4 millóns de euros en Rianxo.

Pola súa banda, Adolfo Muíños, agradeceu a presenza do presidente da Deputación e afirmou que "hai un antes e un despois da implantación do Plan Único para os concellos".
"O esforzo que fai a Deputación para investir nos concellos vese en infraestruturas coma esta", afirmou o alcalde, que agradeceu a presenza no acto do anterior xefe da Policía Local, que vén de xubilarse hai escasas semanas "e que tamén pelexou para que este edificio fose unha realidade".

"Veñen máis obras do Plan Único que van mellorar os servizos que damos á cidadanía de Rianxo", afirmou o alcalde, que lembrou que as obras do arquivo municipal verán a luz ao longo de 2020.

As obras de adaptación do inmoble, financiadas integramente pola Deputación, incluíron a limpeza e revestimento exterior e interior da fachada, a renovación completa da carpintería exterior, a instalación dos sistemas de saneamento, electricidade, fontanería e telecomunicacións; a mellora da accesibilidade coa colocación dun ascensor para conectar as dúas plantas do edificio, a dotación de sistema antiincendios e o sistema de calefacción que funciona con enerxía solar 100% sostible grazas a dous captadores solares de alto rendemento instalados na cuberta do inmoble.

Páxinas suxeridas