Estás en:Novas

A Comunidade de Montes de Asados (Rianxo) presenta na Deputación un proxecto para crear unha planta de biomasa

O deputado de Promoción Económica, Blas García, reuniuse coa presidenta da entidade, Generosa Gey

Blas García destaca o apoio que presta a Deputación ás comunidades para proxectos de conservación e valorización do monte

A Comunidade de Montes de Asados (Rianxo) presenta na Deputación un proxecto para crear unha planta de biomasa

O deputado responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, recibiu na Deputación á presidenta da Comunidade de Montes de Asados (Rianxo), Generosa Gey, que lle trasladou dous proxectos nos que está traballando a entidade.

O primeiro deles consistiría na implantación dunha planta de biomasa para a valoración dos residuos de monte e o agro mediante a elaboración de compostaxe e rachas de produtos térmicos, contribuíndo a eliminar as queimas e reducindo o risco de incendios forestais na zona.

Segundo explicou a presidente da Comunidade de Montes de Asados, Generosa Gey, a entidade dispón xa dun estudo inicial de viabilidade do proxecto, que se desenvolvería en tres fases. A primeira delas consistiría na adquisición de maquinaria para a roza, trituración e compactación e nas fases posteriores abordaríase a creación da planta de compostaxe.

Centro de interpretación do monte e a natureza

O outro proxecto presentado pola entidade é a creación dun centro de interpretación do monte e a natureza, aproveitando unha caseta-refuxio forestal xa existente e que data dos anos 50, que habería que rehabilitar para este novo uso.

Pola súa banda, Blas García comprometeuse a estudar a documentación de ambos os dous proxectos, que considerou "interesantes" e "en liña co traballo que está a facer a Deputación", xa que "están orientados á posta en valor do noso monte, un elemento fundamental na provincia, non só pola súa importancia medio ambiental, senón porque representa un importante motor económico para o rural coruñés".

Axudas para repoboación e aproveitamento do monte

Neste sentido, García lembrou tamén que a Deputación xa mantén diversas liñas de colaboración coas comunidades de montes mediante axudas económicas destinadas a podas, rozas e proxectos de conservación e valorización do monte.

García apuntou que precisamente hoxe, o Boletín Oficial da Provincia publica as axudas concedidas pola Deputación da Coruña por importe de 107.921 euros para apoiar a 33 entidades labregas e agrarias da provincia na realización de investimentos. Entre elas figuran varias comunidades de montes en man común, que contarán co apoio económico da Deputación para a construción e mellora de pistas forestais, accións de repoboación e de valorización do monte, entre outros proxectos.