Estás en:Novas

A Deputación destina 108.000 euros para apoiar a 33 entidades agrarias e labregas da provincia nos seus investimentos

Trinta e tres entidades da provincia recibirán apoio económico da Deputación para proxectos de mellora e modernización das súas instalacións, adquisición de maquinaria agrícola, construcións de pistas rurais ou repoboacións forestais

A principios de decembro publicaranse as axudas para actividades das entidades agrarias, cun orzamento de máis de 450.000 euros

A Deputación destina 108.000 euros para apoiar a 33 entidades agrarias e labregas da provincia nos seus investimentos

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a resolución provisional dunha das liñas de subvencións dirixidas a entidades agrarias e labregas da provincia, financiando con 107.921,18 euros a realización de diferentes investimentos.

Un total de 33 sociedades e cooperativas agrarias, forestais, gandeiras e comunidades de montes recibirán o apoio da área de Promoción Económica da Deputación para financiar proxectos de mellora, modernización e dixitalización das súas instalacións, adquisición de maquinaria agrícola, construción e acondicionamento de pistas ou repoboacións forestais, entre outras. As axudas suporán o financiamento do 80% destes investimentos e oscilan entre os 1.650 e os 6.200 euros, en función do importe solicitado.

O obxectivo é "apoiar e impulsar melloras en sectores clave para a economía coruñesa coma o agrario, o lácteo ou o forestal", explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que anunciou que a principios de decembro terá lugar a resolución doutra liña de axudas ao sector, con máis de 450.000 euros de orzamento, para apoiar ás entidades agrarias e labregas no desenvolvemento de actividades.

Listaxe completa da concesión provisional de axudas no BOP de hoxe:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/11/27/2019_0000009465.pdf