Estás en:Novas

O compositor chileno Álvaro Núñez Carballunca gaña o Premio Gaos da Deputación da Coruña

Pola súa calidade, o xurado decide nomear finalista a obra presentada por Mario Carro Gigosos

O compositor chileno Álvaro Núñez Carballunca gaña o Premio Gaos da Deputación da Coruña

O compositor chileno Álvaro Núñez Carballunca é o gañador do XIII Premio Andrés Gaos de composición musical, convocado pola Deputación da Coruña, coa súa obra "Vía". O xurado decidiu tamén nomear finalista a obra "Impresiones" presentada polo madrileño Mario Carro Gigosos.

"Vía" de Álvaro Núñez Carballunca é a obra gañadora do XIII Premio Gaos de composición musical segundo a decisión unánime do xurado que decidiu outorgarlle os 6.500 € cos que está dotado o premio ademais da posíbel estrea da obra Orquestra Sinfónica de Galiza, para o que a Deputación promoverá as xestións oportunas. Tamén por unanimidade, o xurado decidiu nomear finalista a Mario Carro Gigosos coa súa obra "Impresiones".

O xurado estivo presidido polo deputado de Cultura, Xosé Xurxo Couto, coa xefa de servizo Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e composto por Carmen María Ferreiro Soto, Mª Luisa Manchado Torres, Manuel Martínez Burgos, Mª de la Paz Pita Vázquez e Florian Vlashi Velaj.

Da composición gañadora, da autoría de Álvaro Núñez Carballunca, o xurado destaca que "é unha obra de exquisita factura; unha proposta valente e moi contemporánea que introduce o mundo dos silencios, o que é unha interesante suxestión para o público, xa que propón unha nova forma de escoita, diferente e sosegada".

Núñez Carballunca naceu en Santiago de Chile e creceu en Coyhaique, formándose musicalmente na capital chilena coa Licenciatura de Música, Máster en Artes con mención en Composición talleres de composición con Andrés Alcalde e tamén en Italia, no Conservatorio de Milano. Na actualidade vive en Roma.

En canto á obra "Impresiones" de Mario Carro Gigosos, o xurado apunta que ten "unha altísima calidade, un acabado brillante, unha escrita clara e un concepto orquestral ben definido e moi agradecido".

Na anterior edición, o gañador do Andrés Gaos foi Manuel Martínez Burgos.

Páxinas suxeridas