Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación activa máis de 1 millón de euros en obras en Santa Comba

O Concello de Santa Comba vén de publicar a licitación das 11 obras que financia este ano o POS+ no municipio, por importe de 1.058.370 euros
As obras consistirán na dotación de abastecemento de auga á parroquia de Castriz e na pavimentación e mellora de numerosas estradas, camiños e pistas rurais

O Plan Único da Deputación activa máis de 1 millón de euros en obras en Santa Comba

O Concello de Santa Comba vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das 11 obras que financia este ano o Plan Único (POS+2019) no municipio.

As obras, que consistirán na pavimentación e mellora de numerosas estradas, camiños e pistas municipais e na instalación de novas infraestruturas de subministración de auga suman un importante investimento de 1.058.370 euros, entre os que destaca o abastecemento de auga á parroquia de Castriz, cun orzamento de 370.506 euros, que dotará de traída aos núcleos do Hospital, Escanande, Casanova, Castriz, A Choupana, Lugar de Riba, Os Travesos, O Outeiro e Boaña, que actualmente non dispoñen deste servizo e contan cunha poboación próxima aos 450 veciños.

Os restantes fondos destinaranse a obras de pavimentación e mellora de estradas e camiños en San Xoán de Grixoa (163.016 €), Truebe e Pereira (123.250 €), Sabaceda (93.610 €), San Pedro (64.846 €), Lugar de Ser (52.289 €), Fafia-Bustelo (47.207 €), Almozara (40.534 €), Vilar de Arriba (37.354 €), Bazar e Turnes (33.629 €) e Pereiriña (30.767 €).

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia do Plan Único para os concellos da provincia, especialmente para os máis pequenos, con menos recursos técnicos e económicos.
"O Plan Único permite que concellos coma Santa Comba perciban unha inxección económica sen precedentes, neste caso superior ao millón de euros, o que lle vai permitir renovar numerosas infraestruturas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños", afirmou o presidente provincial.

González Formoso lembrou que o Plan Único permite que sexan os propios concellos, os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños, os que decidan cales son os investimentos que queren acometer con cargo a este plan provincial, un dos máis importantes de España e o máis ambicioso das catro deputacións galegas.

As empresas interesadas en participar na licitación das obras poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de decembro.