Estás en:Novas

A Deputación apoia con 375.559 euros a celebración de quince grandes eventos deportivos na provincia

O Pantín Classic, o campionato de España de Surf, os rallyes da Coruña, Ferrol e Terra da Auga (Arzúa), o Torneo internacional Sub-20 de baloncesto feminino, o Grand Trail Costa da Morte ou a Volta Ciclista á Provincia da Coruña, entre os eventos que apoia a Deputación

A Deputación apoia con 375.559 euros a celebración de quince grandes eventos deportivos na provincia

A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión definitiva de 15 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia que levaron a cabo distintos eventos deportivos de singular interese nos concellos da provincia durante o ano 2019.

As achegas provinciais, incluídas nunha das múltiples liñas de subvencións ao deporte que impulsa cada ano a Deputación, publícanse no BOP de hoxe e supoñen investimentos por un importe global de 375.559,82 euros, que teñen como obxectivo "apoiar a celebración de grandes eventos deportivos, que reúnen a deportistas de gran nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional ", segundo destacou o deputada responsable da área de Deportes da institución provincial, Cristina Capelán.

Entre as axudas concedidas na convocatoria inclúense probas deportivas de renome coma o Pantín Classic (proba internacional da Wold Surf League) e o campionato de España de Surf, os Rallyes da Coruña, Ferrol e Terra da Auga (Arzúa), a Volta Ciclista á Provincia da Coruña ou o Torneo Internacional Sub-20 de baloncesto feminino, ata outras de ámbito máis local, pero que contan cun importante nivel de participación.

Fútbol, baloncesto, surf, ciclismo e rallyes son algunhas das actividades deportivas que a Deputación financia a través desta convocatoria, na que tamén se promoven eventos deportivos de carácter máis minoritario.

As axudas concedidas destínanse ás seguintes actividades: Rally Terra da Auga- Campionato de España de Rallyes (21.070, 08 euros), II Grand Trail Costa da Morte (50.000 euros), Campionato de España de parellas de pitch and putt (10.000 euros), XXVIII Salón do Cabalo Equiocio- Ferrol (40.000 euros), Open Internacional Xtreme Pantín 2019 (25.000 €), Pantín Classic Galicia Surf Pro- Campionato do Mundo da WSL (66.631,58 €), Torneo Internacional Sub20 de baloncesto feminino- Club Universitario de Ferrol (10.000 €), 50 Rallye de Ferrol (30.000 €), Campionato de España de Surf 2019 (30.000 €), 18 Volta Ciclista á Provincia da Coruña (10.000 €), Liga Promises Feminina 2019 – Federación Galega de Fútbol (25.000 €), Samurai Xtreme Race Lago das Pontes 2019 (20.000 €), Rallye da Coruña 2019 (10.000 €), Campionato de España de Autocross Carballo (9.726,58 €) e Rallye Rías Altas histórico (18.131,58 €).

Páxinas suxeridas