Estás en:Novas

A Pobra solicita a colaboración da Deputación para un proxecto de recuperación da Casa da Cadea para usos culturais

O alcalde Xosé Lois Piñeiro e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, reuníronse co presidente da Deputación, Valentín González Formoso

Transferencias de viais e rehabilitación das naves dos arcos, no barrio dos cataláns, foron outros dos temas abordados na reunión

A Pobra solicita a colaboración da Deputación para un proxecto de recuperación da Casa da Cadea para usos culturais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Cultura da localidade, Patricia Lojo, cos que abordou diversos asuntos relativos á colaboración entre ambas as dúas administracións.

Piñeiro e Lojo solicitaron a colaboración da Deputación da Coruña para abordar o proxecto de adquirir e rehabilitar a Casa da Cadea, un edificio do século XVIII onde se sitúa o antigo cárcere da vila, do que só se conservan na actualidade os muros de carga perimetrais e a fachada de cantería.

Segundo explicaron, a idea do goberno municipal é recuperar e rehabilitar o inmoble, que forma parte do patrimonio histórico da vila, para usos culturais, entre eles o de biblioteca.

Os goberno municipal da Pobra solicitou tamén o apoio económico da Deputación para levar a cabo outro gran proxecto de recuperación patrimonial: a rehabilitación das naves dos Arcos, no Barrio dos Cataláns, testemuñas do pasado industrial da zona. O goberno pobrense traballa nun proxecto para a recuperación integral das antigas naves de salazón, algunhas nun estado de deterioro importante, co obxectivo de recuperalas para usos públicos.

González Formoso afirmou que se trata de dous proxectos ambiciosos, que requirirán dun investimento importante para a súa execución, e comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración para materializalas. Mostrou tamén o seu interese en visitar persoalmente ambos os dous enclaves nunha próxima visita institucional ao Concello da Pobra.

Transferencia de viais

Durante a reunión abordouse tamén a necesidade de melloras nas estradas provinciais DP 6703 (Camiño Ancho) e DP 6702 (Aldea Vella), así como a posibilidade de transferir á Deputación a titularidade da prolongación da DP 6705 que sube á Curota, mentres que o Concello da Pobra asumiría o tramo urbano da DP 6703.

Páxinas suxeridas