Estás en:Novas

A Deputación da Coruña mostra o seu compromiso coa promoción do surf nas xornadas de Valdoviño

O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca os beneficios do surf como produto turístico

A Deputación da Coruña mostra o seu compromiso coa promoción do surf nas xornadas de Valdoviño

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou nas xornadas "Surf e desenvolvemento sostíbel" que se desenvolven en Valdoviño e destacou a potencialidade deste deporte como produto turístico de calidade. Conservación do medio, desestacionalización do turismo e promoción do desenvolvemento económico son algúns dos beneficios que sinalou na súa intervención.

Xosé Regueira participou na inauguración xunto co alcalde de Valdoviño, Alberto González, o presidente da Federación Española de Surfing, Carlos García, o presidente da Federación Galega de Surfing, Román Díez e a xefa de servizo provincial da Axencia de Turismo de Galicia, Camino Triguero e, ademais, defendeu a relatorio "Surf como elemento de desenvolvemento local" na que tamén fixo fincapé no compromiso da Deputación na promoción deste deporte de mar.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, deulle os parabéns ao Concello de Valdoviño a Good Life por organizar as xornadas que se desenvolven ao longo dos días 28 e 29 de novembro e centrou a súa intervención na empregabilidade, economía, responsabilidade social ou sustentabilidade como conceptos claves arredor do surf e referiuse, de maneira especial, á candidatura a Reserva Mundial de Surf da Costa da Morte.

Regueira destacou o compromiso da Deputación da Coruña co surf "tanto co apoio ao Pantín Classic como coa Reserva Mundial de Surf que se está a impulsar na Costa da Morte" e fixo fincapé na firme convicción de que o surf" é un produto turístico que nos vai axudar a preservar a costa, desestacionalizar o turismo e sensibilizar a poboación local da necesidade da súa preservación".

Destacou, neste sentido, que o surf é un deporte que, a diferencia doutros, basea a súa actividade no coidado e mostra sensibilidade na preservación do medio. Neste sentido, referiuse á provincia da Coruña como "un espazo magnífico e fundamental para a práctica do surf e, polo tanto, obxecto de coidado e respecto para as vindeiras xeracións".

A Costa da Morte móstrase así, segundo Regueira, como "un espazo con grande potencialidade para implementar, potenciar e fomentar este deporte e por estas razóns estamos impulsando a candidatura de Reserva Mundial de Surf para o territorio". Segundo sinalou, un dos obxectivos da proposta é crear unha mesa de traballo para poñer en común a todos os entes relacionados desde representantes institucionais, empresas, entidades... e buscar novas vías como
iniciativas empresariais, coidado do medio, xeración de emprego e iniciativas de sostibilidade e conservación do medio local.

Apuntou, nestas liñas que é necesario "un pan para preservar as ondas pero tamén iniciativas que nazan desde a poboación local" e concluíu que a reserva de surf, sexa mundial ou só local, vai ter unha asegurada rendibilidade social e económica.