Estás en:Novas

A Biblioteca Provincial acolle este martes a presentación da novela de Lola Torrano gañadora do XXX Torrente Ballester da Deputación da Coruña

A autora falará de "Austroatlántica" ás 19:00 horas xunto con Goretti Sanmartín Rei e Xurxo Couto

A Biblioteca Provincial acolle este martes a presentación da novela de Lola Torrano gañadora do XXX Torrente Ballester da Deputación da Coruña

O XXX Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña descubriu un novo nome singular para a literatura. A escritora Lola Rontano -natural de Murcia e residente en Laxe- presenta este martes "Austroatlántica" na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto e a profesora e anterior responsábel do departamento, Goretti Sanmartín Rei.

O xurado do XXX Premio Torrente Ballester, composto polos escritores Manuel Jabois, Luís Sepúlveda e Isaac Rosa ademais das autoras gañadoras da edición anterior, Fátima Martín e Ana Lema xunto coa anterior deputada de Cultura, Goretti Sanmartín e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat, levaran unha grande sorpresa ao abrir a plica da obra gañadora. Sospeitaban que era un nome procedente da Arxentina cunha traxectoria consolidada e descubriu a autora dunha primeira novela, de orixe en Murcia, profesora en Baio e residente en Laxe.

O xurado definiu a novela como "brillante, de grande ambición literaria e extraordinaria orixinalidade e, á vez, embebida na tradición recente da literatura latinoamericana". Ao seu ver, a obra "recorda o estilo cortazariano. Áxil e de grandes personaxes e supón unha excepcional conexión España-Arxentina, ambientando maxistralmente a realidade de ambos os países".

A novela narra "a historia dunha viaxe que parte do interior profundo das personaxes até o interior profundo da Arxentina, construíndo un retrato da Arxentina do século XXI que fai eco na España dos anos da crise". En canto á técnica literaria, o xurado estimou que a obra "mostra un gran manexo dos diálogos e do rexistro coloquial arxentino, e á vez mostra conflitos persoais que son universais".

O escritor Isaac Rosa, membro do xurado, apunta no prólogo da novela que "Estamos diante da historia unha viaxe, unha viaxe real, quilométrica, chea de etapas, paisaxe e xentes; mais como toda boa viaxe é no fondo unha viaxe interior, unha busca inalcanzábel, un atoparse co inesperado e non por iso menos necesario, e, en definitiva, unha busca de sentido, do propio lugar no mundo".

Sobre Lola Rontano

A autora, Dolores Torrano Vicente, que ten en Lola Rontano o seu nome literario, naceu en 1977 en Murcia, reside en Laxe e é profesora de francés no instituto Maximino Romero de Lema de Baio (Zas).

A novela gañadora do Torrente Ballester é o seu primeiro libro aínda que a autora colaborou con artigos, recensións, poemas e traducións en fanzines, blogs e revistas dixitais como Vulva Estelar, El coloquio de los perros, Mujeres Reseñando e Pikara Magazine, sempre baixo o seudónimo de Lola Schutz.

Participou tamén na "Antología de poesía erótica" do Instituto Iberoamericano de Estudios Atlánticos e gañou o premio de narrativa Camilo José Cela, do Concello de Padrón, polo relato "Las ubres de la noche" e está traballando na compilación dunhas traducións do cantante francés Dominique A.

Sinopse da novela

Finais de outubro de 2010. Do lado de alá, Néstor Kirchner acaba de falecer e a súa viúva prepárase para asumir o cargo do goberno arxentino. Do lado de acá, comezan os recortes da crise económica anunciada en 2008.

Amanda Vela, ex universitaria madrileña en paro e narradora principal da novela, decide tomarse un ano sabático e viaxar á Arxentina.

A novela arrinca coa súa chegada a Bos Aires, onde é recibida por Vega, que será a voz narradora de algúns capítulos, e Mamá Teresa, familiares do seu amigo Edu, antigo compañeiro de facultade. Serán as primeiras en ensinarlle os lugares emblemáticos da capital, desde a súa particular visión. Finalmente, Amanda instálase con Vega en Córdoba. Unha vez no corazón da Arxentina, Amanda irá desvelando, a veces de forma terxiversada, algúns acontecementos sobre o seu pasado e a súa familia. Por outro lado, Vega ten un conflito co seu noivo, que está pasando unha tempada no psiquiátrico. Edu, aos seus trinta anos, atravesa unha mala racha, entre as pésimas perspectivas laborais, as desavinzas sentimentais coa súa compañeira e un antigo amor.

Páxinas suxeridas