Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 400.000 € á rehabilitación do Muíño de Xubia

Colabora co Concello de Narón nun proxecto que conta cun orzamento de 1.307.842 €

A Deputación da Coruña destina 400.000 € á rehabilitación do Muíño de Xubia

O vicepresidente, Xosé Regueira, e a alcaldesa, Marián Ferreiro asinaron o convenio de colaboración para o cofinanciamento da rehabilitación do Muíño de Xubia. O proxecto conta cun orzamento de 1.307.842 € dos que a Deputación da Coruña achega un total de 400.000 € para unha iniciativa que suporá a recuperación dun elemento patrimonial fundamental do Concello de Narón e unha das principais construcións da historia industrial galega.

A Deputación da Coruña colaborará co Concello de Narón na rehabilitación do Muíño de Xubia, un elemento de singular importancia histórica e etnografía, cun proxecto que conta cun orzamento de 1.307.842 € dos que a institución provincial se compromete a achegar un 30% do total, é dicir, 400.000 €.

O vicepresidente e deputado de Plans e Turismo, Xosé Regueira, considera que o proxecto, supón "recuperar o muíño máis singular da época da Ilustración, que xogou un papel crucial no mercado con América e é un dos bens de maior relevancia da historia industrial galega e, en concreto, da provincia da Coruña, tanto arquitectónica como historicamente". Para a Deputación da Coruña, apuntou Regueira, é "un orgullo colaborar no financiamento deste proxecto que vai incidir positivamente no coñecemento da veciñanza da comarca mais que tamén é un recurso turístico de gran valor nun ámbito tan importante para nós como é o Camiño Inglés, xusto á beira do propio mosteiro de Xubia".

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, pola súa parte, destaca a "colaboración entre as administracións para recuperar un ben singular no que se proxectará un centro de interpretación onde poremos en valor a historia da Real Fábrica de Fariñas de Xubia". Sinala tamén que o financiamento do proxecto, que conta cun orzamento de 1.307.842 €, está enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel e Integrado ""Ría de Ferrol, Cidade2020", contando polo tanto de cofinanciamento de fondos FEDER. Para o Concello de Narón suporá, "poñer en valor o noso patrimonio e tamén un punto de atracción turística dado o importante valor desta construción".

O proxecto de rehabilitación permitirá recuperar un elemento patrimonial de gran valor histórico cunha orixe fabril que se sitúa no século XVIII.

O programa de rehabilitación contempla a reconstrución e restauración mimética dos enxeños industriais para se amosar no entorno recuperado, como peza básica da historia, cultural do lugar e a súa xente e a reutilización do edificio de vivendas para museo e aulas didácticas. Ademais, o proxecto posibilitará acadar novos espazos multiusos que permitirán amosar o patrimonio municipal, entre o que se atopa este emblemático edificio, tanto por parte das persoas residentes na comarca como como polo de atracción turística.

No complexo arquitectónico inclúese o muíño, vivendas e almacéns. A planta baixa do muíño dedicarase a centro de interpretación e a superior a aulas temáticas, sala de conferencias ou exposicións temporais. O almacén terá como uso a recepción de visitantes e contará cunha zona de información e exposición de produtos naturais, artesanía e literatura local, ademais de aseos públicos. Finalmente o patio, cuberto por unha estrutura de vidro, será o vertebrador de todos os espazos e nel situarase o núcleo de comunicacións principal, absorbendo as circulacións entre os distintos corpos e salvando así os diferentes desniveis existentes.

Os criterios que se defenderán na restauración e intervención pasan por utilizar materiais iguais ou similares nos elementos restaurados, uso de técnicas, materiais e conceptos compatibilidade co existente e adaptación do edificio ao maior número de funcións para asegurar o seu mantemento no tempo.