Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia a construción dunha pista de pumptrack no Concello de Mugardos

Achega 76.420 €, o 80% do orzamento total de 95.525 €

A Deputación da Coruña financia a construción dunha pista de pumptrack no Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos contará, no Baño, cunha pista de pumptrack, instalación para deportes de rodas como bicicleta, patíns ou skate que será financiado nun 80% pola Deputación da Coruña. O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e a alcaldesa, Pilar Díaz, asinaron hoxe o convenio de colaboración.

O vicepresidente e deputado de Plans e Turismo, Xosé Regueira, e a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento das obras da pista de pumptrack no Baño. O orzamento de execución é de 95.525 € dos que a Deputación da Coruña achega 76.420 €, un 80% do total.

A Deputación financia a través dun convenio de colaboración a construción da pista de pumptrack no Baño, que dotará Mugardos cun espazo lúdico para o deporte en bicicleta, patín ou monopatíns. Con este fin, destina un total de 76,420,65€ que supoñen o 80% do orzamento total do proxecto.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Plans, Xosé Regueira, sinala que o proxecto de construción da pista de pumptrack significará "un novo recurso deportivo e de lecer para as persoas da comarca, en especial para a xente nova, e tamén turístico para atraer visitantes que, cada vez máis, se trasladan para utilizar instalacións como a que se construirá no Concello de Mugardos".

"Este proxecto significa un punto de inflexión tanto para o deporte como para o turismo no Concello de Mugardos e esta infraestrutura permitirá abrir un novo polo de atracción en Mugardos e tamén responder á demanda dos usuarios de bicicletas e outros aparellos de dúas rodas", destacou a alcaldesa Pilar Díaz Otero.

O lugar da instalación é a área libre situada dentro dunha urbanización de vivendas unifamiliares pareadas no Baño.